As prometedoras ciclistas do Grupo Deportivo Supermercados Froiz Uxía Soto e Aroa Otero conseguiron esta fin de semana un novo triunfo na proba da Copa Galicia de BTT disputada na Cañiza. Co seu triunfo, a escuadra alimenticia afiánzase aínda máis no máis alto da clasificación xeral nas categorías júnior e cadete.
Menos sorte tivo o equipo masculino de estrada, que esta pasada fin de semana participaron tanto na Clásica de Pascua de Padrón como na Clásica de Valladolid. En territorio galego, o Froiz fixo competir aos seus ciclistas máis novos, que estiveron sempre á fronte do pelotón. Nos quilómetros finais, Miguel Rodríguez e Manuel Rodríguez lograron coarse no grupo de cabeza aínda que finalmente non puideron disputar o triunfo e tiveron que conformarse cun décimo terceiro e quinto posto, respectivamente. A vitoria levoulla Antonio Fagundez, do Cortizo, que chegou cuns segundos de vantaxe á meta.
Mentres que en Valladolid, o máis destacado do equipo alimenticio foi Alejandro Gómiz, que conseguiu un meritorio décimo terceiro posto ao sprint tras un gran traballo de todo o equipo, que tamén estivo á fronte do pelotón durante a maior parte da carreira.