Unha travesía a nado non competitiva e nun espazo "único" a nivel mundial. ÿ o que ofrecerá a proba que se celebrará o próximo domingo 27 de xullo entre Combarro e a illa de Tambo. Uns 70 deportistas xa se inscribiron nesta novidosa proposta coa que o Concello de Poio busca, segundo a concelleira de Deportes, Marga Caldas, que por primeira vez un evento deportivo chegue á illa tras a súa desmilitarización.
Marga Caldas sinalou que se trata dunha proba "moi atractiva e interesante", que permitirá a Poio promover turisticamente unha das zonas máis belas do municipio. "Vai a ser un grande espectáculo", dixo, que se poderá contemplar principalmente dende Combarro e determinadas zonas de Campelo ou Chancelas. Á illa de Tambo só accederán os membros da organización e os deportistas que participen na travesía.
A proba, que terá a súa saída ás 11.00 horas da praia de Combarro, constará de dous percorridos. O primeiro, de 3,5 quilómetros, no que os nadadores chegarán ata a praia da illa de Tambo, onde tras facer un breve avituallamento emprenderán o camiño de regreso a Combarro. No segundo, que chegará ata os 5 quilómetros, darase unha volta enteira á illa antes de volver ao punto de partida.
Segundo sinalou Luis Vilela, un dos organizadores da proba, "é un luxo poder facer esta travesía nunha ría protexida e nunha illa na que poder recuperar forzas antes de volver a terra". Ademais destas dúas probas, avanzou, haberá unha proba júnior para que os nadadores máis novos poidan gozar tamén desta experiencia.
As inscricións pódense facer a través da páxina web da proba. Custan 29 euros ata este xoves. A partir do venres serán 37 euros. Luis Vilela sinalou que o alto prezo para participar na proba radica en todo o despregamento que hai que facer nunha proba destas características, aínda que explicou que cada deportista terá dereito, entre outras cousas, ao avituallamento en Tambo, a unha bolsa con material deportivo e ao servizo de fisioterapia.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes reiterou que esta proba conta con todos os permisos e medidas de seguridade pertinentes. Ademais, poñerase en marcha un operativo mediante o cal membros de Protección Civil darán apoio loxístico aos nadadores no mar, que estarán auxiliados tamén por barcos do Porto Deportivo de Combarro e por embarcacións do club de kaiak-polo do municipio.
Esta proba pretende ser un punto de partida, sinalou Marga Caldas, para integrar a illa de Tambo en máis competicións deportivas que se organicen en Poio.