Cuarta derrota consecutiva do Marín Peixe Galego que non termina de endereitar o rumbo. Esta vez caeu na Raña fronte ao Unión Financiera Oviedo, que chegaba coa necesidade dunha vitoria a domicilio para continuar loitando polos postos altos da táboa, tras converter o seu feudo de Pumarín nun lugar inexpugnable.
Os locais comezaron moi intensos en labores defensivos, pero como aos ovetenses custáballes anotar. Dese modo, nos primeiros catro minutos o marcador sinalaba un 2-2 cos referentes de ambos os equipos coas mans atadas polas defensas.
Tim Derksen foi o primeiro en espertar e o Marín Peixe Galego púxose por diante, pero mediado o segundo cuarto un parcial de 2-10 transformou o 18-15 nun 20-25 cun Unión Financiera quitándose os nervios pola vía rápida. Dani Pérez tomaba o temón e Manu Rodríguez anotaba (13 puntos antes do descanso) para poñer o 27-34 no marcador.
Tras a continuación comezaron a pesar as derrotas consecutivas do equipo de Javi Llorente. Andrés Miso, con pasado ovetense, asumiu responsabilidades pero as vantaxes íanse a máis de dez puntos, cun Carles Marco temporizando e controlando o partido. Os locais tentaron achegarse no marcador no último cuarto pero as forzas non chegaron.
Manu Rodríguez (20 puntos) foi o máximo anotador, con Dani Pérez facendo un 16+5+5 decisivo para o resultado final. Miso e Derksen (15 e 14 puntos) foron os mellores dos marinenses.