Pontevedra segue a descontar días para acoller un novo gran evento internacional, o Campionato de Europa de Ciclocrós que se celebrará do 1 ao 3 de novembro.
Para ir quentando o ambiente aos poucos vanse desvelando detalles da competición, como o circuíto deseñado na Illa das Esculturas e que terá importantes novidades con respecto ás competicións nacionais organizadas nos últimos anos.
Será un percorrido de 3.350 metros de lonxitude que se percorrerá en sentido antihorario. Un trazado que se espera rápido pero que contará con varios obstáculos en busca da espectacularidade.
Ademais "realizamos modificacións a nivel visual, tratando de proxectar a imaxe de Pontevedra a toda Europa e garantir un espectáculo para o público e tamén para aqueles que sigan a proba por televisión", explicou o responsable técnico do campionato, Alberto del Río
Nesta sentido "vanse construír tres pontes para pasos a diferente altura, un bancal de area xunto ao río Lérez que será unha das zonas máis espectaculares coa cidade de Pontevedra de fondo, e tamén taboleiros preto da zona de boxes. Todo iso dará dureza ao percorrido", afirma.
Estes obstáculos artificiais serán dúas pontes con paso superior e inferior e un terceiro xunto ao río con escaleiras de máis de dez chanzos, mentres que a liña de saída e meta estará situada no campus universitario, fronte á facultade de Forestais, cunha zonas de boxes próxima.
"É un circuíto con moitas zonas de terra, que aínda que a meteoroloxía sexa adversa non debería condicionar especialmente a creación de zonas moi complicadas de barro, aínda que polas datas é moi posible que o terreo estea húmido e brando", sinala Alberto del Río.
A todo o preparado para os deportistas unirase ademais a infraestrutura para que o público presente poida gozar ao máximo da competición, e por iso "teremos pantallas colocadas en todo o circuíto para poder seguir o streaming e o sinal de televisión de todas as probas. É a mellor garantía de que o público poida repartirse e moverse, para ver cos seus propios ollos as zonas máis espectaculares e non perder o desenvolvemento da carreira a través das imaxes de televisión".