O Club Aromon Pontevedra súmase á programación do Día Internacional da Muller propoñendo para o sábado 9 de marzo unha xornada de promoción da escalada e a orientación deportiva para nenas e mulleres de todas as idades que se celebrará no pavillón Multiusos e na Illa das Esculturas.
A actividada, presentada este luns no Concello de Pontevedra, constará de dúas quendas, de 9.30 a 11.30 horas e de 11.30 a 13.30 horas, con 80 prazas que "se cubriron en tres días", confirmou o vicepresidente da entidade deportiva, Manuel Beloso.
"Non é unha competición, o que buscamos é romper esa brecha, que as mulleres poden facer calquera tipo de deporte", defendeu.
Ao seu lado a edil de Deportes e Igualdade, Anabel Gulías, incidiu na importancia "de que as mulleres sigamos conquistando espazos".
Unha presenza da muller na orientación deportiva e sobre todo na escalada que se consolidou no Club Aromon ata o punto de que o 50% das prazas coas que conta na súa escola deportiva municipal corresponden a nenas de diferentes idades, unha porcentaxe que baixa ao 35% no caso das clases de adultos pero que foi aumentando nos últimos anos, sobre todo tras a inclusión da escalada no programa olímpico e a maior exposición mediática que iso provocou nunha modalidade apta para todos os públicos.