Unha travesía a nado polo río Lérez, aperitivo ás Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
07 de agosto 2023

A I Travesía a nado Río Lérez, organizada polo Club Natación Galaico e prevista para o sábado 16 de setembro, inclúese dentro da programación paralela prevista con motivo da celebración na Boa Vila da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Carreira elite feminina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra
Carreira elite feminina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra / Cristina Saiz

Non só de tríatlon vivirá o próximo mes de setembro a nivel deportivo a cidade de Pontevedra, aínda que a celebración da Gran Final das Series Mundiais preséntase como o auténtico foco de atención.

Dentro da programación paralela prevista para o evento emerxen outras citas, como unha travesía a nado no río Lérez que aparece como opción para que moitos dos triatletas tomen contacto coas augas pontevedresas.

Trátase da I Travesía a nado Río Lérez, proba organizada polo Club Natación Galaico e que terá lugar uns días antes dos mundiais de tríatlon, concretamente o sábado 16 de setembro.

Con saída e chegada na praia fluvial, e un percorrido que se poderá seguir tanto desde esa beira como desde a Illa das Esculturas, os deportistas rexistrados nas categorías elite, máster e popular afrontarán 2.500 metros de travesía (dúas voltas a un circuíto de 1.250 metros), mentres que as categorías alevñin, infantil e promoción nadarán 1.250 metros. Tamén haberá opción, máis reducida, para nadadores de idades bexjamín ou prebenxamín.

A carreira elite será a encargada de abrir o evento a partir das 17.15 horas da tarde.

As inscricións para a primeira edición da travesía a nado poderán formalizarse ata o día 8 de setembro a través da páxina web www.championchipnorte.com.