Unha Primeira RFEF con poucos desprazamentos próximos para o Pontevedra

Pontevedra
30 de maio 2022

A falta só de que se dirima o play-off de ascenso a Segunda División no que participarán Deportivo e Racing de Ferrol e con 34 dos 40 equipos que competirán en Primeira RFEF a próxima campaña confirmados, os granates xa saben que terán como rivais poucos equipos próximos en distancia  

Partido entre Palencia Cristo e Pontevedra CF
Partido entre Palencia Cristo e Pontevedra CF / Mosrey Fotografía

O Pontevedra Club de Fútbol terá que completar moitos quilómetros a próxima campaña na súa estrea na Primeira RFEF. Tanto dá a configuración que aprobe a Real Federación Española de Fútbol sobre a división dos dous grupos da categoría, e é que con 34 dos 40 equipos que competirán na liga de Primeira RFEF confirmados, son poucos os rivais próximos para os granates.

A falta de dirimir o play- off de ascenso a Segunda División no que estarán presentes tanto o Real Club Deportivo como o Racing de Ferrol, só un equipo galego máis conta con praza, o filial do Celta de Vigo. De feito nesa fase de ascenso, na que dous equipos subirán e seis seguirán na categoría, non hai ningún equipo máis do cuadrante noroeste.

A partir de aí os equipos máis próximos por distancia á Boa Vila son a Cultural Leonesa (preto de 400 quilómetros separan León e Pontevedra) e Unionistas de Salamanca (439 quilómetros). O terceiro equipo castelán-leonés é o Numancia (702 quilómetros), sen que haxa xa posibilidade de máis equipos desta comunidade como tampouco de Asturias ou Cantabria.

Madrid (614 quilómetros) concentra o maior número de equipos, tendo despois que ir á Rioxa, País Vasco, Navarra ou mesmo Estremadura como desprazamentos máis probables.

Todo dependerá en todo caso da repartición da categoría, xa que cunha división Norte e outra Sur o Pontevedra podería chegar ata Cataluña, ou se se produce entre Oeste e Leste aparecen como posibles rivais equipos andaluces e ata o Ceuta.

Tras os últimos ascensos vía play- off, conseguidos polo Real Murcia, Ceuta, Mérida,  Eldense e La Nucía, a Primeira RFEF está polo momento configurada polos seguintes equipos:

  • Galicia: Pontevedra CF, RC Celta B.
  • Castela-León: Cultural Leonesa, Unionistas de Salamanca, Numancia.
  • Madrid: UD San Sebastián de los Reyes, Alcorcón, Fuenlabrada, Real Madrid Castilla, DUX Internacional.
  • A Rioxa: SD Logroñés, Calahorra.
  • Navarra: Osasuna Promesas.
  • País Vasco: Real Unión, Bilbao Athletic, Real Sociedad B, Amorebieta.
  • Estremadura: Mérida, Badajoz.
  • Andalucía: Córdoba, San Fernando, Algeciras, Balompédica Linense.
  • Ceuta: AD Ceuta.
  • Murcia: Real Murcia.
  • Comunidade Valenciana: Eldense, Alcoyano, La Nucía, Intercity, CD Castellón.
  • Baleares: Atlético Baleares.
  • Cataluña: FC Barcelona B, Sabadell, UE Cornellà.