Unha PlayStation 5, 'peaxe' de Charles por gañarlle ao Cartagena

Pontevedra
18 de decembro 2020

O dianteiro brasileiro do Pontevedra recoñeceu tras o partido de Copa no programa radiofónico El Larguero da Cadena SER que prometera ao seu fillo maior comprar a popular vídeoconsola se conseguían pasar de rolda

Charles xoga cos seus fillos na súa presentación como xogador do Pontevedra
Charles xoga cos seus fillos na súa presentación como xogador do Pontevedra / Mónica Patxot

Case 500 euros. É a peaxe que Charles terá que pagar tras a vitoria do Pontevedra en Copa do Rei ante un equipo da Segunda División como o Cartagena.

É o que vale a nova PlayStation 5, e é que o dianteiro granate prometeulle ao seu fillo maior que se vencían e pasaban de rolda en Copa compraríalle a popular vídeoconsola.

Así o recoñeceu tras o encontro nunha entrevista concedida ao programa radiofónico El Larguero, da Cadena SER. "Cenando con mi hijo Lucas le dije, si pasamos te compro la Play Station, y al final del partido cuándo ganamos me viene diciendo ¡la Play papi, la Play!", revelou o futbolista, aínda que "creo que la voy a usar más yo que él", chanceou.

Unha anécdota divertida dun xogador convertido en todo un emblema para o club e a afección, e que estaba contento por conseguir vencer a un equipo de superior categoría nun "un año en el que las alegrías son pocas y yo creo que ganando hemos dado una alegría a nuestra gente".

Charles lembrou na entrevista os motivos que lle trouxeron de volta a Pontevedra. "Aquí me voy a retirar, pero todavía me quedan años de fútbol y voy a seguir disfrutando, intentando dar alegrías a los nuestros", concluíu.