Unha planificación deportiva baixo estrito secreto de sumario

Pontevedra
08 de xuño 2020

A pesar de que nas últimas semanas o Pontevedra comezou coa planificación da próxima tempada o club granate garda e impón un celoso silencio aos protagonistas para evitar que se coñezan detalles do proxecto. Así, aínda que parece segura a continuidade de Jesús Ramos no banco, nin sequera a súa continuidade é oficial

Adestramento do Pontevedra en Campañó
Adestramento do Pontevedra en Campañó / Cristina Saiz

Coma se dun xuízo escabroso se tratase, o Pontevedra Club de Fútbol decretou un estrito secreto de sumario no que respecta a a planificación da próxima tempada, empezando polas renovacións dos futbolistas que terminaban contrato este mes.

O club granate leva varias semanas traballando no seu novo proxecto deportivo, pero garda e impón un celoso silencio aos protagonistas para evitar que se coñezan detalles do mesmo.

Así, aínda que parece segura a continuidade de Jesús Ramos no banco co aval dos seus bos números dirixindo ao equipo nos partidos que estivo ao mando, nin sequera a renovación do marinense, home da casa, é oficial.

O único seguro nestes momentos son os futbolistas que contan con contrato en vigor. Nesta situación atópanse todas as fichaxes do pasado mercado invernal como son Eneko Zabaleta, Adrián Cruz e Rufo, que asinaron por tempada e media salvo o dianteiro, que o fixo para dous máis. Tamén o capitán Edu Sousa e ao central Víctor Vázquez contan con praza no equipo, e seguen tendo vinculación contractual Adighibe, Pol Bueso e Naveira, aínda que non se pode dar por segura a continuidade de todos eles.

Outro que tiña asinado un ano máis era Brian Jaén, pero o gardameta anunciou por redes sociais que chegara a un acordo co club para rescindir o seu contrato, converténdose na segunda baixa oficial tras o cedido  Jaouad, que regresa ao Leganés. Ambos se despediron dos afeccionados granates, na única vía de comunicación pública cos seguidores desde o inicio da alerta sanitaria.

José García era o outro cedido do equipo. A súa continuidade interesaría dado o bo rendemento ofrecido, aínda que en todo caso está en mans do seu equipo de procedencia, o Estremadura.

Pola súa banda o resto de xogadores pasaron polas oficinas do club para reunirse co conselleiro encargado da planificación deportiva, Roberto Feáns, e  finiquitar o curso. Algúns recibiron por parte do Pontevedra o interese para prolongar os seus contratos, outros con todo seguen esperando esa chamada.

Nesa situación atópanse xogadores como Bustos, cuxo caché e outros motivos máis persoais poden afastarlle de Pasarón, un Romay cuxa renovación parecía encamiñada antes de suspenderse a liga de maneira abrupta, ou Álex González, peza clave nos últimos anos. Tamén Sana, Campillo, Berrocal, Nacho López, Álex Fernández, Pedro Vázquez, Santi Figueroa, Rivera ou o lesionado Javi López están á espera de coñecer o seu futuro, que en moitos casos apunta a lonxe de Pasarón. Ningún quere con todo pechar aínda esa porta. 

En moitos destes casos existe unha predisposición para seguir vestindo de granate nun ano que se presenta con dúbidas a nivel deportivo pero moi emocionante, ao estar en xogo non só o ansiado obxectivo de chegar á liga de Fútbol Profesional, senón a clasificación para a Segunda División B PRO, xa que quedar fóra dos 40 mellores equipos supoñería un importante pau a nivel económico.