Aínda resta unha xornada de liga para o final de ano, máis un partido de Copa do Rei, pero os clubs de Primeira RFEF empezan a mirar cara ao próximo período invernal de fichaxes que abre oficialmente o día 2 de xaneiro, e o Pontevedra Club de Fútbol non é menos.
O club granate analiza se acudir ao próximo mercado de inverno para reforzar o seu plantel co obxectivo de incrementar as súas posibilidades de lograr a permanencia, pero chegará a este período nunha situación complexa,sen fichas dispoñibles e cun importante número de xogadores con contrato por unha tempada máis.
Segundo a información achegada no verán polo propio Pontevedra, á hora de facer oficial os seus movementos de renovacións e incorporacións, son nove os futbolistas do actual plantel cunha vinculación asinada ata o mes de xuño de 2024.
Nesa situación atópanse a maior parte das fichaxes estivais, que aterraron por dúas campañas, como son Ángel Bastos, Borja Domínguez, Jon Bakero, Viktor Nikolov e Luís Martínez. Ademais o capitán Álex González e Yelko Pino renovaron por dous anos. É o mesmo horizonte tamén co que conta Rufo tras a súa última ampliación e o canteirán Valentín Jaichenco.
Caso aparte é a situación de Libasse Guèye, que se comprometeu por unha tempada con outra opcional por obxectivos (sen especificarse cales son esas metas para cumprir), e Charles, cuxo desexo ao regresar era seguir xogando no Pontevedra ata que o corpo aguantase para despois retirarse.
En canto ao resto de futbolistas, os datos coñecidos sitúan a finalización dos contratos no horizonte do mes de xuño de 2023, é dicir, a final de tempada, entre os que se inclúe a un Álex Masogo que é o único integrante na pantilla en calidade de cedido, no seu caso polo Leganés.
Actualmente o Pontevedra conta con 23 fichas ocupadas, 18 delas sénior e 5 sub-23, sendo o máximo que permite a normativa en canto ás primeiras e cunha libre para menores de 23 anos, polo que para producirse algún tipo de reforzo con xogadores experimentados antes debe facerse oco.
A dirección deportiva e a cúpula granate teñen traballo por diante.