Unha nova plataforma retransmitirá partidos de fútbol e fútbol sala de categoría autonómica

Pontevedra
10 de xuño 2024

A Real Federación Galega de Fútbol anunciou o lanzamento dunha nova plataforma de televisión por internet na que se retransmitirán partidos do fútbol e fútbol sala autonómico a próxima tempada

Rafael Louzán anuncia a creación dunha nova plataforma audiovisual para ofrecer partidos de fútbol e fútbol sala a nivel autonómico
Rafael Louzán anuncia a creación dunha nova plataforma audiovisual para ofrecer partidos de fútbol e fútbol sala a nivel autonómico /

O fútbol e o fútbol sala pontevedrés e galego de nivel autonómico están de celebración, e é que a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciou o lanzamento dunha nova plataforma para retransmitir encontros de varias categorías a partir da próxima tempada, a 2024-2025.

O organismo federativo asociouse coa empresa Cinfo para ofrecer encontros de Preferente Galicia masculina de fútbol, a Primeira División Galega Feminina e as Preferentes de fútbol sala masculina e feminina.

Avanza a RFGF que a televisión deportiva galega estará dispoñible en dispositivos móbiles, Smart TV, Android TV e navegadores, arrincando nunha primeira fase con presenza en 51 campos de fútbol  e 53 pavillóns nos que disputan os seus encontros 123 clubs galegos.

As retransmisións utilizarán o sistema de Intelixencia Artificial e de produción na nube Cinfo, que permitirá emitir os partidos minimizando o custo sen baixar a calidade, asegura a Federación.

A plataforma será gratuíta para todos os afeccionados e está aberta ao resto de clubs e federacións de Galicia que queiran emitir as súas ligas.

"Estamos ante un proxecto no que levamos anos traballando e que por fin chegou a bo porto. Ademais de ter a posibilidade de ver un gran número de partidos cada fin de semana, os propios clubs terán a oportunidade para xerar ingresos propios", defendeu o presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, tras o anuncio realizado no marco do III Congreso Intercional de Adestradores de Fútbol e Fútbol sala.