O Team Farto - BTC quedou moi preto do que tería sido o seu primeiro triunfo como equipo profesional nunha carreira da máxima categoría da Unión Ciclista Internacional (UCI).
O equipo pontevedrés foi un dos protagonistas no Grand Prix de Chambéry, proba UCI internacional de categoría 1 que abría a Copa de Francia 2022, pero unha inoportuna avaría acabou coas súas aspiracións a 20 quilómetros de meta.
Nese momento a súa corredora Antri Christoforou circulaba na cabeza de carreira nun selecto grupo de 4 ciclistas que ía a disputar a vitoria. Todo tras situarse nos primeiros quilómetros en posicións dianteiras e aguantar a presión do grupo de favoritas, do que chegaron desde atrás á cabeza da proba dúas ciclistas do equipo World Tour FDJ, Chapman e Guilman, completando o cuarteto cabeceiro Tonetti (Fassa Bortolo).
A mala sorte cebouse con Christoforou, que tivo unha avaría mecánica xusto antes da última volta, co coche do seu equipo parado polos comisarios sen poder asistila. Así, a pesar da asistencia neutra, vía como se lle escapaban as súas opcións de vitoria.
Christoforou puido terminar a proba na posición 30, téndose que conformar con impoñerse nos sprints especiais e a montaña, coa súa compañeira Ariadna Gutiérrez no posto 37.
"É un sabor moi agridoce. Tiña hoxe una das mellores oportunidades da miña carreira deportiva, pero estas cousas pasan. Estou ben, algo triste pero con ganas de seguir tentándoo", explicou tras a proba a deportista chipriota do Team Farto.
Pola súa banda o director deportivo Brais Dacal recoñeceu que "estabamos entusiasmados porque sabiamos que o grupo de Antri ía chegar. Caéusenos a alma ao chan coa chamada de radio volta. Pero quedan moitas oportunidades este ano e demostraremos o salto de calidade do equipo, con Antri e coas demais compañeiras".
A próxima cita competitiva para o equipo profesional pontevedrés será o próximo día 23 de abril na Copa de España de Balmaseda, antes de retomar o calendario internacional na primeira edición da Volta a Andalucía feminina, do 3 ao 5 de maio.