Unha fractura nun dedo do pé pon en perigo o mundial de longa distancia para Pablo Dapena

Pontevedra
01 de marzo 2023

O triatleta pontevedrés sofre unha rotura no terceiro metatarso do terceiro dedo do seu pé dereito que o obrigará a reducir a carga dos seus adestramentos durante mes e medio, deixándoo cunha breve marxe para preparar a cita mundialista do 7 de maio en Eivissa

Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas
Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas / Professional Triathletes Organisation (PTO)

Os peores presaxios para Pablo Dapena cumpríronse. O triatleta pontevedrés tivo que baixar o ritmo de adestramentos hai uns días por unha intensa dor no pé dereito e este mércores a resonancia magnética á que foi sometido revelou unha fractura "pequena" por estrés no terceiro metatarso do terceiro dedo do pé. 

O deportista do BMC Prol Team xa falara do seu temor hai uns días nas súas redes sociais, canle que empregou para confirmar a súa lesión. "Os dous últimos anos non están a ser moi positivos en canto a lesións", recoñecía o pontevedrés que xa temía a pasada semana que se trataba dunha rotura.

Este revés obrigarao a parar durante "6 ou 8 semanas", recoñecía durante a súa intervención no podcast Tríatlon en Vena a pasada semana. Por iso vese obrigado a dicir adeus á súa participación nunha proba en Gran Canaria prevista para o mes de abril e que lle serviría de preparación para o mundial de longa distancia do mes de maio en Eivissa.

O seu concurso nunha das probas máis importantes da tempada non está descartada e dependerá da evolución da súa lesión. No mellor dos casos, Dapena volverá traballar con normalidade a mediados do mes de abril e dispoñerá dunha marxe dunhas tres semanas para preparar a súa participación na cita mundialista prevista para o 7 de maio na illa do arquipélago balear. 

A pesar da mala noticia, recoñece o pontevedrés tela asumido dunha mellor maneira que en ocasións anteriores. "Meterse na burbulla da negatividade non arranxa nada, o que teña que vir virá. A recuperarse e a pensar noutros obxectivos", concluíu o triatleta na súa participación no programa especializado, no que falou tamén da celebración da final das series mundiais en Pontevedra e do problema que supón para este evento e os deportistas da cidade ter pechada a piscina olímpica de Rías do Sur.