O partido da Selección Española fronte a Italia, previsto para o vindeiro venres 1 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón, empezarase a xogar moito antes nas rúas de Pontevedra.
A Real Federación Española de Fútbol confirmou que durante a fin de semana, o sábado 25 e domingo 26 de novembro, habilitarase unha 'fan zone' na Avenida Montero Ríos.
Alí, entre outras cousas, os pontevedreses e as pontevedresas poderán fotografarse co trofeo de campioas do Mundo conquistada pola Selección Española o pasado verán en Sidney, e que estará exposto para a ocasión.
Ademais "vanse a desenvolver numerosas actividades para toda a familia, campionatos de fútbol e unha gran variedade de animación", sinala a RFEF avanzando que a iniciativa "chegará cargada de retos e xogos nos que se poderán conseguir agasallos como entradas, invitacións ao Meet&Greet ou bufandas".
A 'fan zone' de Montero Ríos abrirá as dúas xornadas de 12.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
Ademais está previsto inaugurar este venres unha exposición fotográfica no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra con imaxes de gran formato sobre a consecución do mundial feminino 2023.