Unha designación arbitral de bo precedente para o Pontevedra

Pontevedra
16 de maio 2024

O colexiado encargado de arbitrar o choque de volta do play-off fronte ao Deportivo Aragón será o cántabro Francisco Crespo Puente. É a súa terceira tempada consecutiva na Segunda RFEF e cruzouse tres veces ata a data cos granates

Partido de liga entre Pontevedra e Real Avilés en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Real Avilés en Pasarón / Cristina Saiz

O Comité Técnico de Árbitros (CTA) da Real Federación Española de Fútbol fixo públicas este xoves as designacións para os encontros de volta da primeira elminatoria do play-off de ascenso a Primeira RFEF, e con elas a relativa ao choque do próximo domingo entre Pontevedra e Deportivo Aragón no Estadio Municipal de Pasarón.

O encargado de dirixir o duelo será o cántabro Francisco Crespo Puente, auxiliado nas bandas por Jaime Campelo Núñez e Borja Mata Sangiao.

A actual é a terceira tempada de Crespo Puente na Segunda RFEF, categoría na que arbitrou un total de 39 partidos. 

En tres deses encontros o cántabro, de 33 anos, cruzouse co Pontevedra Club de Fútbol e cunha estatística favorable aos granates, xa que gañaron os tres choques.

En concreto o primeiro destes choques foi na sexta xornada de liga da campaña 21-22 en Luanco, un duelo ante o Marino que acabou 0-3 favorable aos da Boa Vila. Esta mesma campaña dirixiu ademais o duelo fronte ao Móstoles en Pasarón (4-1), mentres que no curso actual foi o árbitro do partido entre Pontevedra e Avilés, tamén en Pasarón (2-0), o pasado 10 de marzo.

Será a primeira vez que Crespo Puente arbitre un partido do Deportivo Aragón.