Este mes de xullo cúmprense xusto dez anos desde que Lupe Murillo asumise a presidencia do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol, relevando no cargo a José Manuel Fernández. Era 2014 e o primeiro equipo granate agonizaba na Terceira División. Agora, unha década despois a máxima dirixente do club pontevedrés fai balance nunha entrevista concedida a PontevedraViva da súa primeira década de xestión pero tamén do presente e do futuro da entidade deportiva
Esta semana cúmprense xusto 10 anos de presidencia de Lupe Murillo no Pontevedra, que balance fas desta década?
O balance eu creo que é positivo a nivel global evidentemente, senón pois xa non estariamos aquí, porque o máis fácil era coller a porta é marchar. O que xera o Pontevedra e o que xera o fútbol é paixón. O que te ilusiona na vida é poñer paixón en algo, e eu pois a centrei no Pontevedra e aquí seguimos.
Serías capaz de escoller o mellor e peor momento de toda esta etapa?
O mellor o primeiro ascenso, o de Terceira a Segunda B que foi nada máis chegar. Como levabamos tanto tempo pasándoo tan mal e de súpeto, pois conseguimos o primeiro éxito, foi fantástico ese ascenso. E despois o peor, pois probablemente o descenso o ano pasado. Pero a vantaxe é que como o fútbol din que non ten memoria, pois o borras e vólveste a enganchar, que hai que facelo moi rápido, porque aquí non hai tempo para nada. Ti acabas unha tempada e parece que vas tomar unhas vacacións e iso é imposible. Cando máis traballo hai nun club é no verán que é cando todo o mundo ademais colle vacacións e tes que dar vacacións a todo o persoal do club, e con todo é cando todo volve empezar. Por sorte, iso de ter que facer todo tan rápido permite que os momentos malos sexan poucos, aínda que cada fin de semana pases un exame, e que os bos, pois ao final tamén son moi curtos.
Vimos dunha tempada que se pechou cunha decepción deportiva, recuperaches o ánimo e as forzas para continuar?
Quedamos sen o ascenso, pero non, non o sinto así e non o comparto. Eu non creo que a tempada fose un fracaso. Queriamos ascender? Si, evidentemente, pero é que isto é fútbol. Se ti me falas de esixencia máxima entón para ti é unha decepción, pero eu que son moi esixente comigo mesma con esta teoría túa tería que botar a todos os xogadores do plantel e ao adestrador, porque realmente se o obxectivo que nos marcamos todos era ascender e non o conseguimos por que terían que seguir aquí. É que as decepcións e os fracasos e as ilusións teñen todos unha medida, hai que medilas. Evidentemente fixemos un traballo, eu creo que bo, creo que se fixeron ben as cousas no Pontevedra aínda que moitos non o transmitan ou non o queiran ver. Non é fácil manter unha institución tanto tempo coa xente ilusionada, conseguir que un estadio encha. Se paras a pensar, dime unha actividade en Pontevedra que poida encher un estadio con 12.000 persoas un día, dime calquera actividade desta cidade. Non a coñeces.
Neste aspecto a nivel social o ano deixou imaxes positivas, con máis afluencia media de seguidores, nenos nas bancadas, o cheo final... Hai que seguir nesta liña?
Vexo moitos brotes verdes, pero son tantas etapas... Fíxate en 10 anos pasamos un covid que estabamos sós en Pasarón, pasamos aquí noites recolocando á xente cada fin de semana porque había só 600 asentos, foi moitísimo traballo. Dez anos permítennos ver unha evolución tremenda en moitas cousas. Hai moita xente que este ano se ilusionou moito con ver sobre todo a nenos, pero a ver é que traballando somos os mesmos. Se cada ano temos máis recursos e economicamente vainos mellor, pois sempre poderemos avanzar un pouquiño máis, pero isto é aos poucos. Pontevedra é unha cidade cuns recursos que temos os que temos. Ilusión porque os nenos veñan tivémola sempre, fomos aos colexios sempre, o que pasa é que é máis fácil que se enganchen con bos resultados que con malos. Isto inflúe, aínda que parece que non, nós vendemos máis camisetas se os resultados son bos.
Estamos en pleno período de planificación. Apostouse por continuar o proxecto de Yago e moitos xogadores contan con contrato
"Non creo que a tempada fose un fracaso. Queriamos ascender? Si, evidentemente, pero é que isto é fútbol"
Renovacións non vai haber moitas máis porque basicamente hai moitos xogadores que teñen contrato e que deron un bo rendemento e que o adestrador está contento con eles. Cando algo máis ou menos funciona... Está claro que non chegamos ao funcionar ao 100% senón teríamos ascendido que era o obxectivo, pero xogamos ben, creo que a xente de fútbol di que o noso adestrador expón bo xogo e imos continuar con ese modelo. Ademais os xogadores falan marabillas del, porque cando acabou a tempada entrevistámonos con cada xogador e todos din que é un gran adestrador, así que decidimos continuar con este proxecto. Falamos co adestrador tamén que os xogadores están enganchados e que a xente parece que se ilusionou, pois por que cambiar iso.
O obxectivo será de novo pelexar polo ascenso a Primeira RFEF?
Está claro que se mantemos un pouco o que hai no equipo, coa ilusión de ter estado todo o ano arriba e non conseguilo ao final, pois imos volver tentar ir a polo ascenso, disto non cabe ningunha dúbida.
"Imos volver tentar ir a polo ascenso, disto non cabe ningunha dúbida"
No económico unha das túas máximas sempre foi o de non deixar a entidade con máis débeda da que herdaches, e é algo que mantés en cada xunta de accionistas, pero desde a pandemia foron anos complicados con varios exercicios de perdas
Non esquezamos que nós cando entramos vimos dun concurso acredores onde se debían dous millóns de euros, entón non partimos de cero, partimos de menos dous. Imos pagando iso e á vez temos que facer planteis competitivos, e logo veunos un covid, pero o tema económico e como o digo en cada asemblea non é un tema que realmente me quite o soño no Pontevedra Club de Fútbol porque temos recursos. Iso si, un ten que darse conta de onde está e e onde quere ir. Cando vexo os números doutros clubs que en Primeira RFEF perden un millón de euros ao mes ou outros que apostan por ascender pero perdendo un millón e medio por tempada, o Pontevedra non o pode permitir, se fai iso estamos en causa de disolución. Temos que ter un crecemento sostido. Eu creo por certo que este ano se cadra non damos xa déficit. Estamos a pechar o balance agora e creo que volveremos á senda de números positivos.
Conseguiu a ampliación de capital estabilizar a situación? Como quedou este tema?
Rexistrouse estes días pasados e entraron algo máis de 300.000 euros
Entre os accionistas que acudiron está o principal grupo opositor ao Consello?
Evidentemente non. Non sei se a volverán a impugnar na liña habitual, porque foron dez anos de demandas permanentes.
Outro aspecto que o pasado verán falouse foi o de mellorar é a estrutura do club. Chegou Elías Espiñeira, Charles na secretaría técnica… faltan máis pasos por dar neste aspecto?
Si, vai haber máis incorporacións. Creo que xa o dixen nunha rolda de prensa, necesitabamos máis xente pensando. Creo que con isto facemos unha estrutura máis sólida. Probablemente incorporemos a máis xente á secretaria técnica e despois veremos como avanzamos.
Gustaríame preguntar polo fútbol feminino. Comentaches a túa posición en aguna ocasión, e a dificultade económica que supoñería manter outro equipo, pero está sobre a mesa a recuperación do Pontevedra feminino?
(Fútbol feminino) "Hai equipos que o fan ben e podemos conveniar con eles e darlles soporte. Iría por aí a vía e estamos niso"
Hai cousas. O Pontevedra xa tivo un equipo feminino e disolveuno e eu como sempre vos digo teño a cota cuberta do fútbol feminino porque teño o Poio Pescamar, que estamos en Primeira División, cuartas de España, subcampioas da Copa da Raíña ou a Supercopa. Pero si, quédanos o fútbol feminino de campo. Aquí incluímos a todas as mozas que queren vir á canteira do Pontevedra, e eu creo que xogando xuntas cos nenos evolucionan máis rápido. É a miña opinión pero tamén é certo que caben todas, e a partir de aí meternos directamente en clubs totalmente femininos creo que hai equipos que o fan ben e podemos conveniar con eles e darlles soporte. Iría por aí a vía e estamos niso.
Entre as dificultades que se apuntaban está a falta de campos, e aquí enlazo coa que sempre dixeches que era unha das túas grandes pretensións, a creación dunha cidade deportiva do Pontevedra. Hai algún avance neste tema?
É algo que poño encima da mesa cada vez que alguén me quere escoitar. Eu creo que terá que chegar. Teño dúas opcións claras, o que pasa é que teñen que darse as condicións e que igual que o vexo eu, o vexan os que teñen que vela.
A túa preferida sempre dixeches que era a Xunqueira de Alba, e a outra?
A outra a estou a negociala. E despois a min o alcalde dábame a opción irnos arriba a Lérez, hai dous campos preto (Gatomorto e Raimundo Piñeiro 'Pechecho') pero sepáranos 300 metros e de noite cos nenos mándalos por bosque sen luz nin beirarrúas... Pero alí hai xa dous campos, teriamos que remodelar o Pechecho para facer un campo de herba natural para o primeiro equipo e logo facer un segundo onde está o de Gatomorto.
Cambiando de tema, nun fútbol como o actual de fondos de investimento e clubs estado… Chamaron moitas veces estes 10 anos á túa porta para tentar comprar o Pontevedra?
Moitas. O tema é se queremos perder a esencia do que somos, ese é a formulación que me fago sempre cando chegan estas opcións. Vendémonos? Perdemos a esencia do que somos? Entón expuxéronmo moitas veces, pero de momento e mentres podamos eu creo que deberemos seguir sendo o que somos, coa nosa historia, coas nosas ganas, cos nosos defectos e coas nosas virtudes. Abrinme moitas veces cando nos viñan a comprar para que veña diñeiro, pero estes fondos de investimento non teñen personalidade, poden vir e marchar e quedamos sen nada.
"Nunca me plantexei dicir adeus"
Fixéronche dubidar seriamente algunha vez?
Nunca. Nunca me plantexei dicir adeus, con todo o que traballa aquí tanta xente entre directivos, empregados, afeccionados, voluntarios... Se cadra se fose máis racional pois diría que pode ser interesante que veña alguén de fóra, pero eu creo que mentres podamos imos manter o Pontevedra como o que somos, é a miña idea.
E para pechar, mirando ao futuro... como ves ao Pontevedra dentro doutros 10 anos? Veste na presidencia?
En 10 anos máis? Non, non, en 10 anos máis eu non estarei aquí pero creo que o día que me vaia deixarei todo para que todo siga funcionando, iso téñoo claro, non collerei a porta e marcharei e esquecereime de todo o que fixemos aquí. Eu cando cheguei hai 10 anos dixen que quería un club sólido solvente e respectado. Creo que respectado o é e conseguimos que os xogadores queiran vir porque pagamos ao día, isto foi unha constante estes anos. Ademais estamos a pagar a débeda e non xeramos máis débedas. Non esquezamos que cando chegue o club estaba en causa de disolución, desaparecía, e o obxectivo era darlle solvencia.