Unha cláusula permite á Fundación Rías do Sur recuperar a xestión se Supera pecha o complexo deportivo

Pontevedra
29 de marzo 2022

"Se van deixar de prestar o servizo de motu proprio esixiráselles o que di o contrato", confirma o presidente da Fundación, Héctor Vilariño, sobre a opción de aplicar unha cláusula de rescisión unilateral recuperando a xestión da piscina olímpica de Ponte Muíños

Protesta no Complexo Deportivo Rías  do Sur polo peche da piscina olímpica
Protesta no Complexo Deportivo Rías do Sur polo peche da piscina olímpica / PontevedraViva

A decisión de Supera de pechar por completo o complexo deportivo de Ponte Muíños a partir do próximo venres 1 de abril non colleu de sorpresa á Fundación Rías do Sur.

"Era o previsto", recoñece o presidente da Fundación, Héctor Vilariño, que avanza que "se van deixar de prestar o servizo de motu proprio esixiráselles o que di o contrato".

Iso pasa, segundo explica, por solicitar a rescisión unilateral do contrato de concesión con Supera por incumprimento de servizo, tal e como recolle unha cláusula do documento que vincula a ambas as dúas partes desde hai 16 anos. "O contrato que a Fundación ten coa xestora ten unha cláusula que contempla a rescición unilateralmente e será o que esixamos", reitera.

"Empezará a contar o tempo para partir do día 1", sinala o representante de Rías do Sur, e a partir de aí "a xestora debería de abrir a instalación nun prazo de 30 días e se non o fai terá un mes de prazo para abandonar a instalación e farase cargo a Fundación, aínda que esperamos chegar a un acordo antes", mantén.

No caso de poder recuperar a xestión "o primeiro que fariamos sería abrir a piscina para que os deportistas puidesen adestrar e non perdesen a tempada e posteriormente veríase a posibilidade de que un novo xestor se fixese cargo", avanza.

Doutra banda cuestionado de novo sobre a proposta de indemnización dun millón de euros da concesionaria para resolver o contrato e renunciar aos 14 anos que lle restan, Héctor Vilariño asegura que "con esas esixencias non temos nada que negociar" ao non ter capacidade económica para asumir tales cantidades.

No que respecta a o plantel de traballadores do complexo deportivo, cunha trintena de empregados, manteranse polo momento en situación de ERTE mentres non se resolve a situación.