Unha Carmen Gómez tocada, a probar sorte no Europeo sub-23 de tríatlon

Pontevedra
04 de agosto 2017

A pontevedresa Carmen Gómez Cortés será unha das catro representantes galegas no campionato de Europa sub-23 de tríatlon que se celebrará esta fin de semana na localidade húngara de Velence

Carmen Gómez no Europeo Júnior de Kitzbühel
Carmen Gómez no Europeo Júnior de Kitzbühel / Federación Galega de Tríatlon

A pontevedresa Carmen Gómez Cortés será unha das catro representantes galegas no campionato de Europa sub-23 de tríatlon que se celebrará esta fin de semana na localidade húngara de Velence.

O sábado 5 de xuño celebrarase a proba individual, mentres que o domingo terá lugar a proba de relevos mixtos.

Na carreira feminina competirán 42 triatletas de case unha vintena de países. 

Carmen Gómez chega un pouco tocada a esta proba. Ela mesma recoñece que "non estou no mellor estado de forma nin moito menos", xa que leva dous meses lesionada e sen poder adestrar con normalidade.

Por iso, explica que o seu obxectivo principal é "gozar, coller experiencia e ir adaptándome a esta nova categoría sub 23 e á distancia olímpica, o dobre á que estou acostumada".

O que ten claro Carmen é que "vou a dar o máximo, gozar coa proba e pelexar ata o final".

Xunto a ela haberá tamén outras dúas representantes galegas, Inés Santiago e Camila Alonso; mentres que na proba masculina competirá o vigués Antonio Serrat.

A proba sub-23 celebrarase sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.

O domingo celebrarase o Europeo de relevos sub 23, pero aínda non se coñecen os nomes dos deportistas que conformarán os equipos. Daranse a coñecer tras a proba individual. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 7.88 quilómetros de bicicleta e 1,85 de carreira a pé.