Unha arbitraxe permisiva coa defensa local provoca a derrota (28-25) do Cisne en Chapela

Pontevedra
09 de decembro 2012

Os pontevedreses sufriron a agresividade do cadro redondelano e non lograron manter a súa vantaxe inicial

Cando a un rival a parella arbitral lle permite empregarse cunha dureza que roza na violencia pouco pódese facer. O Cisne intentouno na súa visita a Chapela e comezou mandando e impoñendo o seu xogo, cunha boa circulación de balón, seguridade defensiva e fluidez en ataque, pero en canto os locais empezaron a repartir "cera" e os colexiados a mirar cara a outro lado, a cousa comezou a cambiar.

O equipo redondelano, a partir do minuto 20 de partido, aumentou a súa intensidade, logrando frear a un Cisne que vía con impotencia que accións defensivas, claramente antirreglamentarias, eran pasadas por alto. Aínda así logrou chegar ao descanso só un gol abaixo, pero na segunda parte os locais incrementaron a súa agresividade e valéronse dela para poñer distancia no marcador.

Pouco lle serviu ao Cisne o seu intento desesperado nos minutos finais, cunha defensa aberta que reduciu algo a diferenza, pero que non puido impedir unha derrota amarga e condicionada polo deficiente labor da parella arbitral.

SOLLA Y CÍA. CONSTRUCIONES (28): Antón, Pablo, Camino, Rubén (6), Chema (6), Esteban, Fiz (1), Fabián (1), Ángel (1), Gestido, Sánchez (4), Pablo Vidal (9), Adrián Blanco e Pablo Casal.

B.M. CISNE (25): Lafuente, Galán, Iván Abilleira (1), Montesinos, Pablo Domínguez (7), Pablo Picallo, Andrés Sánchez (2), Martín Iglesias (2), Casares (5), Javi Vázquez, Miguel Simón (2), Pachi Dacosta (4), Iván Freiría (2) e Dani Puente.

Árbitros: Andrés Rosendo López e Sergio Rodríguez Estévez (colexio Galego). Excluíron por dous minutos a: Fabián, Sánchez, Pablo Casal, Casares, Miguel Simón e Lafuente. Ademais, descualificaron con vermella directa o xogador local Ángel.

Marcador (cada cinco minutos): 1-4, 2-6, 6-8, 9-10, 11-11, 14-13 (descanso), 15-14, 18-16, 20-16, 23-17, 24-20 e 28-25 (final).

Incidencias: Pavillón municipal de Chapela. Preto de 200 espectadores.