Máis de 78 anos ten de historia ás súas costas a Sociedad Deportiva Teucro.
Por ese motivo, máis aló da categoría que milite o seu principal equipo, desde a entidade aseguran estar "orgullosos do seu presente, do seu pasado e do seu prometedor futuro". Así o expresou este mércores Carlos García-Alén, representante da xunta xestora da entidade, na presentación oficial do primeiro equipo para a tempada 23-24 que xa está en marcha.
No vicedecano do balonmán nacional confían en que esta campaña "poida supoñer o reinicio", e o de feito os primeiros compases da competición levaron os sorrisos aos seus seguidores cun pleno de triunfos nas tres primeiras xornadas da Primeira Nacional.
O acto de presentación, organizado no salón de actos do edificio da Xunta en Benito Corbal, estivo conducido polo xornalista Ángel Magdaleno e contou coa presenza de diversas autoridades como a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.