Un soño feito realidade: o Cisne fai pleno, imponse ao BM Elda (27-25) e consegue o ascenso

Pontevedra
17 de maio 2015

E cumpriuse o soño! O Cisne xa está, por segunda vez na súa historia, na segunda categoría do balonmán nacional. Poñendo broche de ouro ao seu cincuentenario, o equipo que adestra Edín Covelo e preside Santi Picallo pecha unha tempada máxica para o balonmán pontevedrés, co Teucro na máxima categoría e o Cisne en División de Honra Prata

Equipo do Cisne que se proclamou campión do play-off logrando o ascenso a División de Honra Prata
Equipo do Cisne que se proclamou campión do play-off logrando o ascenso a División de Honra Prata / Diego Torrado

E cumpriuse o soño! O Cisne xa está, por segunda vez na súa historia, na segunda categoría do balonmán nacional. Poñendo broche de ouro ao seu cincuentenario, o equipo que adestra Edín Covelo e preside Santi Picallo pecha unha tempada máxica para o balonmán pontevedrés, co Teucro na máxima categoría e o Cisne en División de Honra Prata.

Antes de comezar o partido o Cisne sabía que o empate lle abondaba para lograr o seu obxectivo e ascender a División de Honra Prata. Do mesmo modo, o BM Elda tamén sabía que só un milagre podía facer que fosen eles os que ascenderan, xa que necesitaban gañar e ademais facelo por unha marxe de máis de 14 goles.

A forma en que ambos os dous factores podían influír no ánimo duns e outros, así como na forma de afrontar o choque, era algo que pronto quedou claro. Os de Edín Covelo, cun público entregado, demostraron dende o primeiro momento que non nadaran tanto para morrer na beira.

Aínda que lles custou. O cansazo acumulado de tres partidos en tres días consecutivos deixábase notar na intensidade defensiva. Pero o Cisne soubo madurar o partido e esperar a que o rival perdese gas.

Firme en defensa e pausado en ataque, para recuperar forzas, os de Edín Covelo mandaron case sempre, pero romperon definitivamente o partido nos últimos dez minutos antes do descanso. tempo no que lograron un parcial absolutamente determinante e demoledor de 9-1, para irse con nada menos que oito goles de vantaxe aos vestiarios.

Ademais, os alacantinos perdían un dos seus mellores homes, Asencio, por unha acción innecesaria e violenta sobre Iván Abilleira, que lle custaba a descualificación directa. O único que quedaba era non cometer erros, administrar a renda e xogar con cabeza ante un rival que sabía que non tiña nada que facer.

Pero o verdadeiro rival do Cisne era o propio Cisne. A relaxación levouno a cometer erros que non existiron na primeira parte. E o Elda aproveitouse diso para en quince minutos deixar a diferenza reducida a só tres goles (20-17).

Ninguén podía ter imaxinado o que quedaba por sufrir. O Cisne non volveu ser o do primeiro tempo. As accións de ataque eran espesas. E o Elda foi comendo terreo, poñendo en perigo a vitoria local, tanto que se puxo a un só gol abaixo (25-24) e cun contraataque só contra o porteiro que puido ser o empate a falta de algo máis de dous minutos. Apareceu xigante Toño Lafuente para facer unha parada clave, porque na xogada seguinte Javi Vázquez e logo Edu Covelo, sentenciaban o partido e o histórico ascenso para os pontevedreses.

BM CISNE (27): Toño Lafuente; Álex Chan (1), Andrés Sánchez (3), Javi Vázquez (3, 2 de penalti), Pablo Vidal (1), Pablo Rey, Pepe Camiña (4) -sete inicial-, Pablo Galán, Santi Cuenca; Iván Abilleira (1), Bruno Montesinos (4), Edu Covelo (1), Pablo Picallo (3), Rafa Dasilva (5), Miguel Simón (1) e Carlos Rodríguez.

BM ELDA (25): Fran Tirado; Pedro Reyes (2), Sergio Rubia (13, 3 de penalti), José Andrés Marco (4), José Vara, Vicente Aguado (2), Pérez San Juan -sete inicial- Adrián Simo; Beltrán (3), Adrián Amorós, Javier Cano (1), Víctor Cotillas, José Bigagli, Raúl Alonso, Asencio, e Germán Bastán.

Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Descualificaron con vermello directo o xogador visitante Asencio (minuto 26) por unha fea acción sobre Iván Abilleira. Excluíron dous minutos a Miguel Simón (3, descualificado, minuto 54), Carlos Rodríguez (2) e Edu Covelo, polo Cisne, e a Pérez San Juan (2), José Vara (2) e Beltrán, polo Elda.

Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 6-4, 7-6, 9-8, 11-8, 17-9 (descanso), 19-13, 20-15, 20-17, 23-19, 24-23 e 27-25 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Terceira e última xornada do play-off de ascenso a División de Honra Prata. Uns 700 espectadores.

BM CARABANCHEL CON APUROS IMPONSE AO PAN MOGUER (18-22)

Abrían a xornada o PAN Moguer e o Carabanchel. Sen opcións os onubenses e cos madrileños necesitando gañar para esperar despois unha vitoria do Elda sobre o Cisne, que lles daría a primeira praza, se ben para iso facíalles falta non só que o Elda vencese, senón que o fixese por unha diferenza de escándalo sobre o Cisne (superior aos 14 goles), aínda que polo menos se aseguraban a segunda praza.

ACTO DE CLAUSURA E ENTREGA DETROFEOS

Á finalización do partido que pechaba o play-off procedeuse á cerimonia de clausura e entrega de trofeos aos participantes, presidida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coa clasificación encabezada polo Cisne, campión e ascendido a División de Honra Plata, con seis puntos, segundo foi o BMC Carabanchel, con catro, terceiro o BM Elda, con dous, e cuarto o PAN Moguer, que non sumou punto ningún.

Os premios individuais foron para Andrés Sánchez, do Cisne, como mellor xogador, para Toño Lafuente, tamén do Cisne, como mellor porteiro, e para Sergio Rubio, do BM Elda, como máximo goleador.