Un solitario gol de Ale de Paz no minuto 19 deu os tres puntos ao Poio Pescamar este sábado en casa do Alcantarilla. Trátase do primeiro triunfo do equipo conserveiro nesa pista e serve, ademais, para manter a vantaxe co quinto posto para a loita polo play-off polo título de liga.
Arrincou o partido con poucas ocasións para os dous equipos, que se alternaban a posesión e apenas chegaban con perigo a portería rival. Elena foi a primeira en intervir e deter unforte disparo de Bet Carrasco e minutos despois, en portería contraria, María Arcas desvío a córner un pase de Rocío Gómez que deu nunha defensora.
Evitou a gardameta conserveira acto seguido unha gran dobre ocasión do Alcantarilla, pero foi Saki, no minuto 13 de xogo, a que protagonizou a oportunidade máis clara do primeiro tempo. Lara Balseiro enviouna desde banda esquerda, pero o disparo da nipoa estrelouse co traveseiro.
Estaba o Poio Pescamar xogando os seus mellores minutos e puido, por medio de Balseiro, inclinar a balanza ao seu favor, primeiro cun disparo foise rozando o pau e despois cunha gran xogada individual que María Arcas evitou que rematase.
Pasou entón o Alcantarilla a acumular chegadas perigosas en área de Elena que, para fortuna visitante, non entraron. Tentárono as murcianas cun ataque posicional que a gardameta enviou fóra por moi pouco e, xa no último minuto do primeiro tempo, cun disparo de Anita que deu no poste.
Parecía que ao descanso chegaríase en empate a cero, pero case sobre a bucina o Poio Pescamar abriu a lata. Rocío Gómez púxoa desde a esquina e Ale de Paz, de cabeza, meteuna no interior da rede.
Despois do intermedio, o Alcantarilla tentou darlle a volta ao luminoso, pero Elena encargouse de desbaratar todas e cada unha delas. As vermellas, pola súa banda, buscaron a maneira de facer o segundo tanto pero tampouco estiveron acertadas e tivéronse que conformar cun 0-1 que dá tres puntos vitais a falta de dúas xornadas para que conclúa a liga regular.
Consulta a acta nesta ligazón