Un sector ciclista "en el entorno de la ría", novidade para as probas da Copa do Mundo e a Gran Final das Series Mundiais de tríatlon

Pontevedra
30 de maio 2022

"Queremos que el deporte sirva para enseñar la ciudad", sinalou tras a constitución do comité organizador de ambos os eventos o director deportivo da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, avanzando que o centro da proba será o CGTD, coa natación na ponte dos Tirantes e unha carreira a pé que atravesará o centro histórico

Primeira reunión do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Primeira reunión do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon / Diana Eiras

Pontevedra avanza na organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que terán lugar en 2023, así como da proba da Copa do Mundo que terá lugar o próximo mes de xullo como test previo ao que será o "o maior evento internacional que vai haber España no ano 2023".

A sede do Concello de Pontevedra acolleu este luns a constitución do Comité Organizador de ambos os dous eventos, coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores así como do secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O orzamento ou varias opcións de data para a Gran Final foron asuntos a tratar pero aínda sen pechar, sendo a principal novidade o acordo sobre cal será o percorrido das competicións elite, un circuíto que se probará xa en 2022 coa Copa do Mundo de Tríatlon.

"Estamos proyectando un cambio en las competiciones de élite precisamente por ganar en visibilidad", confirmou o director deportivo da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, para tentar sacar o máximo proveito "de un evento que va a tener señal internacional de televisión".

Nese sentido o epicentro da proba será o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, coa natación na ponte dos Tirantes, pero no que respecta ao sector ciclista "vamos a hacerlo más técnico en el entorno de la ría, lo desvelaremos en breve en cuanto lo aprueba la Federación Internacional", sinalou o responsable federativo avanzando tamén que a carreira a pé será a mesma que a habilitada nas probas do ITU Multisport de 2019, atravesando o centro histórico.

"Queremos que o deporte sirva para ensinar a cidade e que fagamos un circuíto que sexa o suficientemente técnico e sexa o suficientemente atractivo para os deportistas e os espectadores", defendeu Jorge García.

Son os primeiros pasos de "un evento que nos proxecta", asegura o alcalde sobre a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, e é que "estamos a falar duns 5.000 deportistas e de máis de 10.000 persoas que se van a achegar a Pontevedra", asegurou.