Un reforzado Arosa volve coñecer a vitoria tras vencer o Estradense por 0-1

O Salnés
02 de febreiro 2020

O Estradense foi a primeira proba de lume para as novas fichaxes do Arosa. Despois de catro empates consecutivos, o conxunto de Vilagarcía renovouse con Catú do Racing de Ferrol, Mon do Compos, e o ex xogador do Sporting de Gijón, Sanabria, para así manterse nos postos de playoff e ter opcións para o ascenso

Partido entre o Rápido de Bouzas e o Arosa
Partido entre o Rápido de Bouzas e o Arosa / Rápido de Bouzas

O Estradense foi a primeira proba de lume para as novas fichaxes do Arosa. Despois de catro empates consecutivos, o conxunto de Vilagarcía renovouse con Catú do Racing de Ferrol, Mon do Compos, e o ex xogador do Sporting de Gijón, Sanabria, para así manterse nos postos de playoff e ter opcións para o ascenso.

O primeiro aviso do Arosa chegou moi pronto aos 25 segundos de partido cun disparo de Rober, dando paso a varios minutos sen claras ocasións para ningún dos dous conxuntos.

No minuto 12 Pedro Beda tivo a segunda clara para o equipo de Vilagarcía. O xogador visitante recibiu o balón de costas e conseguiu virarse para enviar o esférico rozando o pau da portería defendida por Cascallar.

Pasaban os minutos e o Arosa seguía dominando. No minuto 25, o ex do Compos, Mon, enganchou coa esquerda un balón que quedou solto na frontal da área pero o seu disparo marchouse á esquerda da portería rival. 

Cando se ía a cumprir a media hora de xogo, o Estradense tivo a primeira. Juanín botou unha falta desde a lateral da área e o seu centro-chute ao segundo pau case se converte no 1-0. Pouco despois, o xogador local volveu tela ao quedar diante de Manu Táboas pero non puido rematar ben e chegouse ao descanso cun empate no marcador.

Despois do intermedio, o encontro estivo igualado, ata que chegou ao minuto 57 cando Pedro Beda disparou desde a frontal e tivo a primeira da segunda metade pero a defensa local enviou o esférico a córner. O mesmo Beda foi protagonista 5 minutos despois ao converterse no autor do único tanto do encontro. O xogador do Arosa abriu o marcador tras cabecear unha falta botada por Rober desde o córner esquerdo e enviar o balón á rede de Cascallar.

Tras o gol, non houbo claras ocasións para ningún dos conxuntos. Os de Vilagarcía gozaron dunha máis cun disparo do autor do gol, pero foise alto e o luminoso non se moveu.

Finalmente, o Arosa venceu pola mínima ao Estradense e colócase terceiro despois de que o Barco caese goleado por 0-5 ante o líder, o Compos.

Consulta a acta do partido Estradense-Arosa na seguinte ligazón.