Despois da derrota da xornada pasada ante o Silva, o Arosa recibiu en Vilaxoán a un Villalbés que tivo a primeira ocasión do encontro no minuto 9 cun disparo de José Varela que se foi moi cruzado.
Non foi ata o ecuador da primeira metade cando os locais tomaron o control do esférico. Primeiro tívoa Suso cun disparo desde a frontal da área pero terminou en saque de esquina, e despois Catú, encargado de poñer o 1-0 no luminoso cando se chegaba ao ecuador da primeira metade.
Os de Vilagarcía dominaban e empezaron a gozar das mellores oportunidades. No minuto 27, Rober roubou o balón ao seu rival e dentro da área para acto seguido asistir a Jorge Sáez que disparou axustado ao pau, pero un defensor rival salvou sobre a liña de gol para impedir o 2-0.
No 32 chegou a polémica. Joel caeu dentro da área e a bancada reclamou a pena máxima, con todo, o colexiado non viu nada e o balón seguiu rodando en poder do Villalbés que estivo a piques de empatar o partido cun disparo de López que se estrelou co traveseiro. Finalmente chegouse ao descanso co 1-0 no marcador.
Despois do intermedio tardaron en chegar as ocasións máis claras. Tivérona Mon e Rober, pero os seus disparos fóronse desviados.
A igualada chegou a balón parado no minuto 67. Moreda foi o encargado de rematar un saque de esquina e enviou o esférico ao interior da portería de Manu Táboas, dando paso á recta final do encontro onde ambos os equipos puideron levar os tres puntos.
A pesar do empate, o Arosa sigue terceiro con 43 puntos, seguido do Barco que ten 41.
Consulta a acta do partido Arosa-Villalbés na seguinte ligazón.