O Estadio Municipal de Pasarón vivirá o vindeiro domingo, 25 de setembro (17.00 horas), un duelo poucas veces visto, o que medirá ao Pontevedra Club de Fútbol coa Real Balompédica Linense.
Tan pouco deuse este enfrontamento, que só unha vez en toda a historia os dous equipos compartiron campionato. Foi na campaña 86-87, con grupo único na Segunda División B.
Agora, 35 anos despois, os de La Línea de la Concepción pisarán de novo a Boa Vila. Moito choveu desde aquel 4 de xaneiro de 1987, cando na súa única visita ao estadio pontevedrés cedían pola mínima por 1-0 con tanto de Guisande ao comezo da segunda metade. Aquel Pontevedra, con Fernando Castro Santos no banco, finalizaría a liga nunha gran sexta posición, mentres que a Balompédica foi oitava, un conxunto andaluz que devolveu o golpe da ida co mesmo resultado no seu estadio.
Ese empate técnico romperá o vindeiro domingo na Primeira RFEF, unha categoría que aspira a achegarse ao potencial daquel grupo único.
Á cita ambos os dous equipos chegarán en momentos anímicos diferentes. Se os granates fano con 5 puntos reforzados polas súas boas actuacións contra o Alcorcón e sobre todo fronte ao Deportivo en Riazor, a Balompédica só sumou dous puntos ata a data, froito de empates ante o Real Madrid Castilla e o Mérida, mentres que encaixou dúas derrotas precisamente contra o Deportivo e o Alcorcón.
En todo caso mal faría o Pontevedra en fiarse, posto que esas derrotas chegaron nos últimos minutos e tras adiantarse no marcador.
No que respecta a o seu plantel, o equipo andaluz adestrado por Alberto Monteagudo sufriu unha notable renovación con respecto á pasada tempada, na que empezou moi ben na Primeira RFEF pero na que terminou sufrindo para salvar a categoría. En total conta con 10 caras novas, algunha con pasado en Segunda División como o gardameta Alberto Varo (Lugo) ou o dianteiro Omar (Tenerife, Nàstic).