Un penalti por man de Campillo no 88 tomba ao Pontevedra en Abegondo (2-1)

Pontevedra
31 de xaneiro 2015

Os granates foron inferiores ao Deportivo B na primeira metade pero melloraron na segundo acto, no que tiveron opcións de levarse o triunfo. O colexiado desesperou aos lerezanos con cinco cartóns amarelos, por ningún do filial

O Deportivo B celebra o 1-0 de Cardoso ante o Pontevedra
O Deportivo B celebra o 1-0 de Cardoso ante o Pontevedra / PontevedraViva
Luisito valora a derrota en Abegondo ante o Deportivo B /

Duro golpe o sufrido polo Pontevedra nun aberto partido contra o Deportivo B na Cidade Deportiva O Mundo do Fútbol de Abegondo.

O filial coruñés saíu ao terreo de xogo máis entoado que os granates, que nos primeiros 20 minutos viron como o seu rival chegaba á meta de Edu con claridade, obrigando o gardameta a empregarse a fondo en disparos de Remeseiro e Dani Iglesias.

Parecía reaccionar o Pontevedra, que comezou a asomarse á área local pero con problemas no último pase e a finalización das xogadas.

Nunha desas accións Carnero disparou alto tras un erro no rexeitamento de David. Era a xogada anterior ao 1-0, obra de Cardoso á saída dunha acción a balón parado. O deportivista buscouse un oco no costado esquerdo e sacouse un disparo cruzado ante o que nada puido facer Edu.

Corría o minuto 26 e o equipo de Luisio aínda intentaba sacudirse o dominio inicial dos locais. A pesar do tanto as forzas fóronse igualando e os granates contaron con algunha acción para empatar, sobre todo unha chegada de Carnero que tras recibir un gran pase de Jacobo cruzou en exceso ante a saída do gardameta.

Co 1-0 chegouse ao descanso, nunha primeira parte na que se protestou moito dende o equipo lerezano o criterio arbitral (cinco tarxetas ao Pontevedra en todo o partido por ningunha do Deportivo).

Á volta de vestiarios cambiaron as tornas e o Pontevedra comezou a crecer e a crer. Así, tras uns primeiros minutos de tenteo empezaron a chegar con perigo á área rival, ata que Anxo, nun grande desmarque, aproveitou a peiteada de Jacobo nun balón en longo para bater a David e facer a igualada.

O gol esporeou os pontevedreses, que no seguinte cuarto de hora conseguiu o absoluto control do xogo e as ocasións, algunha delas clamorosa como un dobre remate que sacou baixo paus a zaga local.

Non sentenciou o equipo lerezano e pagouno, cun filial que se refixo para avisar nun par de ocasións antes da xogada clave, xa no minuto 88, cando un disparo afastado rebotou nun xogador deportivista para impactar despois de xeito claro na man do Campillo, que nada puido facer para evitar o contacto.

Penalti que Remeseiro se encargou de transformar para rematar coas esperanzas dun Pontevedra que polo menos mereceu levarse un punto de Abegondo.

RC DEPORTIVO B (2): David (1), Adrián (1), Jorge (2), Róber (2), Iago (2), Sam Piette (1), Kim (1), Ángel (2), Dani Iglesias (2), Remeseiro (2), Cardoso (2).

Sustitucións: Cañi (1) por Cardoso, minuto 59, Francis (1) por Ángel, minto 69; e Queijeiro (-) por Dani Iglesias, minuto 89.

PONTEVEDRA CF (1): Edu (2), Adrián (1), Lobato (1), Campillo (1), Pablo (1), Kevin (2), Tubo (1), Pedro (1), Carnero (1), Mouriño (1), Jacobo (2).

Sustitucións: Anxo (2) por Tubo, minuto 58; Jorge (1) por Kevin, minuto 69; e Tomás (-) por Carnero, minuto 83.

Árbitro: Extremadura Hernández, auxiliado nas bandas por Rivera Gores e Lorenzo Álvarez (Vigo). Amoestou a Pablo, Adrián, Mouriño, Pedro e Jacobo no Pontevedra.

Goles: 1-0 Cardoso (min.26), 1-1 Anxo (min.61); 2-1 Remeseiro de penalti (min.88).

Incidencias: Partido disputado na Cidade Deportiva O Mundo do Fútbol de Abegondo ante uns 800 espectadores.