Complicado panorama o que se lle presenta ao Pontevedra de cara ao partido de ida da eliminatoria definitiva polo ascenso, fixado para o domingo ás 18:00 horas no Estadio Municipal El Mazo de Haro.
No club granate preocupa o estado físico de varios dos seus futbolistas, especialmente o dun Pablo Carnero que rematou o choque ante o Manzanares lesionado e que non traballou co grupo na primeira sesión da semana.
O dianteiro é un home clave no esquema de Luisito pero non é o único xogador tocado, polo que o técnico podería verse obrigado a cambiar en boa medida o seu once inicial toda vez que o Pontevedra afronta a cita con dous sancionados, Jacobo e Kevin Presa.
Os outros dous futbolistas con problemas físicos tras o esforzo do pasado domingo son Jorge Rodríguez e Tubo, se ben se confía na súa recuperación conforme pasen os días da semana.
Caso diferente é o dos tres lesionados, pois Adrián e Benja encaran a fase final da súa recuperación e, sobre todo o dianteiro, estaría dispoñible para entrar na convocatoria se é necesario, aínda que a falta de ritmo de competición pode frealo. Pola súa banda Bruno segue recuperándose dunha lesión muscular.
En todo caso malia os contratempos a confianza en lograr un bo resultado en La Rioja é máximo. Nin o céspede artificial no que deben xogar resta optimismo ao tratarse dunha instalación de última xeración e dimensións considerables, moi afastadas do que os pontevedreses se encontraron en La Palma e Manzanares.
HABERÁ 'MAREA GRANATE' EN HARO
As ausencias en La Rioja notaranse menos co apoio dos afeccionados pontevedreses, que resucitarán a 'marea granate' para o desprazamento máis importante do ano.
A expectación espertada na cidade fará que moitos seguidores se despracen a Haro en coches particulares, ao que se une a viaxe organizada. Os afeccionados granates que queiran desprazarse a terras rioxanas poderán facelo nun autobús que fretará o club. A expedición partirá o domingo ás sete da mañá do Pavillón Municipal e regresará ao rematar o partido.
O prezo do desprazamento é de 27 euros, ao que hai que sumar a entrada ao campo. O billete de adulto ten un custo de 12 euros. Os asistentes que teñan de 14 a 17 anos pagarán 3 euros e os menores de 14 accederán gratis.
O prazo para anotarse á viaxe finaliza o venres ás 14 horas. A dispoñibilidade de prazas está suxeita á orde de inscrición. Os interesados poden formalizar a súa asistencia nas oficinas do Pontevedra CF, no Estadio Municipal de Pasarón. As oficinas están abertas de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas.