Case tres décadas, 29 anos en concreto, pasaron da última vez que o Pontevedra Club de Fútbol visitou o Club Deportivo Numancia en liga.
Son dous históricos do fútbol español, pero apenas coincidiron dúas tempadas en toda a súa historia, unha en liga regular e a última, na campaña 94-95, no play-off de ascenso a Segunda División.
Foi esa a última visita a Soria dos granates (25 de xuño do 95), aínda no vello estadio dos Pajaritos, nun duelo no que se escaparía entre os dedos o ascenso.
O equipo pontevedrés, adestrado por Antonio Gómez, protagonizara unha gran tempada clasificándose tras anos de ausencia para unha fase de ascenso a Segunda. Sen nada que perder chegaba á última xornada con vida tras derrotar precisamente o Numancia en Pasarón (1-0) na data precedente, pero sen depender de si mesmos.
Écija e Levante superábanlle en puntos. Unha vitoria de calquera deles no seu duelo directo dáballes o primeiro posto, pero empataron a un tanto deixando a porta aberta a un Pontevedra que non o aproveitou. Non tivo o seu día en Soria e con goles de Babarín e Pinky (minutos 8 e 78) perdía por 2-0 cando un triunfo teríalle dado o tan ansiado ascenso, un salto de categoría que tardaría en chegar nove anos máis despois daquel día.
Os predecentes entre ambos os dous equipos complétanse coa liga 91-92, na que compartiron grupo na Segunda División B. Aquel ano gañaría el Pontevedra 1-0 en Pasarón e perdería 4-1 nos Pajaritos concluíndo a competición en novena e décima posición respectivamente.
En definitva, dúas vitorias granates na Boa Vila e dous triunfos numantinos en Soria é o balance dos seus enfrontamentos históricos, pleno de victorias locais. Claro que pasou moito tiepo e agora chegan ambos os dous como dous dos proxectos a seguir na Segunda RFEF. Todo un duelo de aspirantes no que calquera cousa pode pasar.