O Campionato do Mundo de Ciclocrós que se disputa esta próxima fin de semana na localidade de Tábor, na República Checa, terá unha tripla representación pontevedresa.
A principal cita a seguir será a carreira júnior feminina, cunha Selección Española na que estarán a actuais campioa e subcampioa nacional, é dicir, Lorena Patiño (XSM Marín) e Aroa Otero (Supermercados Froiz).
Esta será unha das primeiras probas en disputarse, posto que a carreira está fixada para as 11.30 horas do sábado 3 de febreiro.
Unha hora despois será quenda da categoría sub-23 masculina, na que participará Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) co obxectivo de mellorar a 24ª posición que asinou en 2022 en Fayetteville (Estados Unidos).
Para Lorena Patiño e Aroa Otero será pola súa banda a súa primeira presenza no evento máis importante do ciclocrós internacional.