A grave lesión de xeonllo de Javi López supuxo un duro pau para o Pontevedra Club de Fútbol, que esperaba recuperar este curso a mellor versión do extremo unha vez superada a rotura de ligamento cruzado no seu xeonllo dereito, que lle mantivo fóra dos terreos de xogo 7 meses.
Confirmado o diagnóstico, e que o prazo para a súa recuperación será de entre 6 e 8 meses, o club granate ábrese á posibilidade que lle brinda o regulamento e xa pensa en reforzar ao equipo ocupando a ficha sénior que queda agora dispoñible.
O artigo 124 do regulamento da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) permite a un club a inscrición de xogadores no caso de que se produza no seu plantel unha lesión de longa duración, fixando o baremo nos 5 meses de convalecencia. Esa circunstancia cúmprese no caso de López, polo que o Pontevedra conta agora co prazo dun mes para buscar un substituto.
"A solicitude para a autorización excepcional deberá realizarse dentro do mes seguinte á data en que se produciu a lesión", sinala o texto da RFEF, que iso si limita a fichaxe ao mercado nacional ao establecer como requisito que "non requira a expedición de certificado de transferencia internacional".
De non aproveitar esta excepción ou de apostar por un futbolista internacional, o Pontevedra debería esperar ao día 2 de xaneiro para inscribilo, data na que abre oficialmente o mercado invernal.
En todo caso, na casa granate non queren correr neste tema. Iso si, o propio Luismi recoñeceu xa este mércores que "tenemos una ficha libre y habrá que valorarlo". Ademais sinalou que no caso de fichar "no sería el mismo perfil que el de Javi López", e aproveitarase para incorporar algún futbolista que cubra algunha das carencias detectadas no actual plantel. Neste aspecto dúas posicións aparecen como principais posibilidades, sen descartar outras, a de centrocampista organizador ou mesmo a de lateral zurdo, onde se asentou nas últimas xornadas Álex González a pesar de non ser un especialista no posto.