Un gris Pontevedra salva un punto de penalti fronte a Unionistas (1-1)

Pontevedra
25 de outubro 2020

Os granates rescataron un empate nos últimos minutos nun encontro que se puxo costa arriba co tanto de Unionistas na primeira metade e no que en ningún momento atopáronse cómodos ante un rival moi ordenado

Partido de liga entre Pontevedra e Unionistas en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Unionistas en Pasarón / Cristina Saiz

Gris, como o día outonal que supuxo a volta do fútbol ao Estadio Municipal de Pasarón e quizais contaxiado pola apatía de ver unha bancada semivacía debido ás restricións sanitaria. Así se mostrou o Pontevedra Club de Fútbol no seu debut esta tempada na casa, fronte a un ordenado e incómodo Unionistas de Salamanca. 

Os granates non atoparon en ningún momento a súa mellor versión e víronse sorprendidos polo plantexamento do seu rival e un xogo directo que lle creou excesivos problemas. A pesar diso foi capaz de repoñerse para, polo menos sumar un punto e manterse invicto.

O duelo comezou sen embargo cun ritmo trepidante, cun Pontevedra que tentaba dominar pero cun cadro salmantino despregándose con soltura en ataque e moi  bnien posicionado sobre o terreo de xogo. De feito a primeira ocasión foi súa nun balón solto na área como resultado dunha das súas grandes armas, a envergadura dos seus dous dianteiros Aythami e De la Nava. O caso é o tras unha pugna aérea Álex Rey viu como o esférico caía nos seus pés ao bordo da área pequena, pero atopouse a un atento Mario Fernández para desbaratar a opción.

Os granates, a pesar do seu aparente dominio, empezaban a inquietar cando lograban despregarse en velocidade. Así chegou un primeiro aviso nunha contra de Oier que Rufo non logrou finalizar con acerto e sobre todo, no minuto 8, unha rápida combinación entre Álex González, Rufo e en última instancia un Charles que tras un bonito crebo ao defensor non logrou bater a Serna no man a man. 

Entre tantas idas e vindas, os locais concedían oportunidades principalmente a balón parado ou en accións directas, nas que Churre e Xisco víanllas tesas coas torres atacantes de Unionistas. Nunha desas chegou un aviso moi serio dos de Salamanca, tras baixar un balón Aythami e finalizar De la Nava cun disparo que se foi lixeiramente alto en boa posición, desde a frontal.

Aínda que o ritmo baixaba un punto en intensidade, o conxunto visitante empezábase a atopar cada vez máis cómodo, mentres os de Jesús Ramos pisaban cada vez menos posicións de área rival. Foron pasando minutos e ese dominio traduciuse nunha ocasión de Aythami primeiro e en gol xusto despois. Pasada a media hora Carmona recibía no pico da área e tras recortar para dentro conectaba un bonito lanzamento con rosca ao pau longo ante o que nada podía facer Mario.

Noqueado o Pontevedra non conseguía sacurdirse a presión, sen atopar liñas de pase, e a pesar de que apenas inquietou ao seu rival ata o descanso, o certo é que puido chegar a empatar. Fíxoo de feito nun barullo na área no que Romay mandou o balón ao fondo da rede, pero o liña tiña a bandeira levantada anulando a acción por fóra de xogo.

Tras o paso por vestiarios o guión cambiou lixeiramente. Unionistas retrocedeu uns metros e o Pontevedra, aínda que sen claridade, tentaba irse a por o empate abrindo o campo desde as bandas. Era máis un querer e non poder, porque sen ideas nin acerto no último pase todas as acometidas morrían na ordenada defensa visitante.

Os de Salamanca ademais contaron cunha gran ocasión para case sentenciar o duelo. Apareceu nese momento Mario Fernández para soster aos seus ao sacar un man a man con De la Nava no minuto 54.

Pasaban os minutos e Jesús Ramos daba entrada a refresco nas bandas e tamén na medular, aínda que seguía sen dar coa tecla. Aínda así os granates empezaban a roldar con máis corazón e ímpeto que acerto a área visitante. 

Jorge Fernández foi o primeiro en contar cunha opción relativamente clara no 70, e pouco despois foi Charles de cabeza o que se achegaba ao gol. Seguía sen ter puntería o Pontevedra e nestas chegou a xogada clave, no 74, tras un córner lanzado por Jorge Fernández que terminou cun claro penalti de Nespral sobre Romay. Charles non perdoaba e poñía o empate no marcador co primeiro gol oficial tras o seu regreso a casa.

Faltaba un cuarto de hora e, aí si, chegou o asedio dos de Pasarón, sen grandes ocasións pero coa sensación de que podían levar os tres puntos en xogo. Non sería xusto en realidade, e aínda así puido chegar xa no tempo de desconto nun disparo de Óscar que detivo o arqueiro de Unionistas.

Ao final, un punto para os granates que lles mantén na zona alta da táboa e que supón ademais un aviso. Nesta liga ningún partido nin rival vai ser fácil. A próxima semana, de novo en Pasarón, chegará unha nova oportunidade coa visita do Celta B.

PONTEVEDRA CF (1): Mario Fernández, Aitor, Churre, Xisco Campos, Eneko Zabaleta, Imanol (Adrián Cruz, min.61), Romay (Borja Martínez, min.76), Álex González (Jorge Fernández, min.61), Oier Calvillo (Óscar Fernández, min.55), Charles, Rufo.

UNIONISTAS CF (1): Serna, Ramiro, Mario Gómez, Josué (Gallego, min.73), Aythami (Lamadrid, min.62), De la Nava, Jon Rojo, Acosta (Miki, min.73), Carmona (Nespral, min.62), Marín, Álex Rey (Garay, min.77).

Árbitro: Miguel González Díaz, auxiliado nas bandas por Pelayo Corgo Suárez e José Luis López Abelleira (Asturias). Amoestou a Rufo no Pontevedra e a Acosta, Ramiro, De la Nava, Gallego e Nespral en Unionistas.

Goles: 0-1 Carmona (min.32); 1-1 Charles, de penalti (min.75).

Incidencias: Partido da segunda xornada de liga na Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón con asistencia limitada a 300 espectadores por motivo das restriccións sanitarias.