Cun tanto a falta de décimas de segundo para o final do partido. Así revalidou o Poio Pescamar brillantemente o seu título de campión da Copa Galicia de fútbol sala tras vencer este domingo nunha emocionantísima final ao Burela (5-4).
As vermellas, que esta vez actuaron vestidas de azul, deron unha alegría á súa afección, que poboaba as bancadas do pavillón marinense da Raña, pero que tivo que sufrir ata os instantes finais, de auténtica tolemia.
O encontro arrincou cunha tremenda igualdade sobre a pista, con intensidade máxima, e só Iria Saeta aos 10 minutos de xogo conseguiu desfacer o empate, aínda que pouco cambiou o panorama ata o descanso.
Foi tras o paso por vestiarios cando o Poio viviu o seu mellor momento e pareceu encarrilar a final. Só o pareceu. Ceci e Daniella Sousa en dous rápidos contragolpes facían o 0-3, e aínda que o Burela recortaba distancias xogando xa de cinco, de novo Ceci mantiña os tres goles de renda.
Con todo a insistencia do cadro lucense, arrinconando ao seu rival con porteira-xogadora en cancha, tivo premio. Así con dous tantos de Jenny e Dany devolvían emoción á final a falta de só cinco minutos.
A tensión era máxima e os segundos corrían a favor das de Marcio Santos, chegando así ao emocionante minuto final, non apto para cardíacos. Iria Saeta tivo nos seus pés a sentenza, atopándose coa madeira, e o Burela aproveitouno para a falta de 22 segundos para o final facer o que parecía case imposible minutos atrás empatando o partido (4-4) e chamando á porta da prórroga. Pero non foi así porque o Poio Pescamar gardábase un as na manga e nunha xogada de estratexia, cando restaban apenas unhas décimas, Jenny Lores empuxaba ao fondo da rede o balón para desatar a tolemia na afección vermella e dar ao seu equipo o que é o segundo título oficial da súa historia. A Copa Galicia queda en Poio.
VITORIA TAMÉN NA MINICOPA
O Poio Pescamar fixo dobrete en Marín, ao levar tamén a primeira edición da Mini Copa Galicia Infantil Feminina, que se disputou a modo de aperitivo da final absoluta.
As infantís do equipo da Seca gañaron por 2-0 ao equipo da Fervenza-Burela FS nun duelo equilibrado que se decidiu con dous goles de Mónica na segunda metade.