Charles reapareceu como goleador en Pasarón para salvar o Pontevedra cun gol no minuto 90 fronte ao Real Madrid Castilla cando os granates ían perdendo 0-1 por un gol de Peter na primeira metade.
O conxunto granate suou a camiseta e foi digno merecedor de algo máis, pero tívose que conformar cun punto que, aínda que saiba a pouco, dá esperanzas á hora de confiar nunha posible permanencia na Primeira RFEF.
O duelo comezou sen un claro dominador, co Castilla tentando alongar as súas posesións e internar polas bandas e o Pontevedra buscando en longo a Álex González ou Alberto Rubio, pero ningún equipo era capaz de xerar perigo en portería rival. O único achegamento que houbo foi aos cinco minutos de xogo, cun centro de Obrador ao segundo pau que Peter rematou moi cruzado.
E iso foi todo ata que chegou o minuto 20, cando Toni Otero viuse obrigado a mover ficha pola lesión de Rufo e meteu no terreo de xogo a Bakero. E a pesar do cambio, aínda que fose obrigado, os granates seguían sen ser capaces de molestar a Mario De Luís, mentres a zaga lerezana, ben colocada en todo momento, conseguía neutralizar unha insistente filial do Real Madrid facendo unha marca individual e evitando que atopasen espazos claros.
O plantexamento estaba a saír case á perfección, pero o Castilla era unha ameaza e de tanto insistir atopou o seu camiño ao gol no minuto 35. Balón á esquerda a Obrador, que desbordou a Valen e atopou un centro cómodo cara a Peter, que rematou sen problemas de cabeza e enchufó o balón na rede, facendo o 0-1 co que se chegou ao descanso a pesar dos intentos do Pontevedra de xerar perigo nos últimos minutos.
O Real Madrid Castilla busca o primeiro posto en Pasarón@PontevedraCFSAD 0-1 @lafabricacrm
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) January 29, 2023
35'
Centro de Obrador que cabecea Peter
Podédelo ver nesta ligazón https://t.co/lZ6UBQnG0Zpic.twitter.com/84cNKH6V0v
Empezou o segundo tempo cos granates buscando un xogo rápido e tiveron o gol do empate en repetidas ocasións. Valen tivo a primeira, recolleu un centro do capitán desde a banda esquerda, pero o seu chute foise por encima da portería de Mario de Luís; acto seguido probou Churre, cabeceando unha falta botada desde o medio de campo que se foi fóra; e pouco despois Derik Osede, que remataba de cabeza un córner, pero o seu intento de marcar quedou nunha clara ocasión.
Cando mellor estaba a facelo o Pontevedra chegou a mellor chegada do filial merengue tras unha boa anticipación na saída de balón granate. Peter recibiu en claro fóra de xogo que o liña non viu e enviou a Iker Bravo, que se plantou nun man a man cun inmenso Pablo Cacharrón que salvou aos seus do segundo tanto en contra.
Baixaron o ritmo tanto uns como outros a partir dese momento. O Castilla non tiña présa ningunha, e os granates precipitábanse nos seus pases e perdían rápido o esférico no seu intento de chegar rápida área rival.
Tardou case 25 minutos en chegar a seguinte boa ocasión do Pontevedra. Centrou Álex e Calvillo, que entrara xunto a Martín Diz, buscou un disparo demasiado escorado e marchou por riba da portería rival e, pouco despois, tentouno Yelko cun disparo afastado tras unha boa combinación en campo contrario dos seus compañeiros.
Acábanselle as ideas aos granates, que o tentaban de todas as formas e colorees pero o gol seguía sen chegar, polo que Toni Otero apostou por meter a Seoane e Charles cando aínda quedaba un cuarto de hora por disputarse. Probou sorte Martín Diz cun disparo afastado que despexou cunha boa estirada Mario De Luís a córner, e dese saque de esquina chegou unha nova ocasión para os locais, pero ao remate de Yelko non puido chegar David Soto e foise desviado por moi pouco.
O tempo para puntuar íase esgotando, pero o Pontevedra seguía sen renderse e buscaba o gol dun empate máis que merecido. E chegou pouco antes de que se cumprise o minuto 90. Álex González sacou un centro máis que perfecto ao segundo pau e Charles cabeceou á rede, levantando do asento a toda unha inchada granate que aínda ten esperanzas nos seus.
O tanto deu ás ao Pontevedra que, non conformado cun punto, seguiu na busca dos tres que lles desen un sopro de aire fresco á hora de pelexar pola permanencia. De córner, xa no desconto, tívoa Bakero, pero o gardameta branco detivo sobre a liña e, xa no último suspiro, tentouno Yelko cunha falta ao bordo da área que deu na barreira e con ela morreu o encontro.
@PontevedraCFSAD 1-1 @lafabricacrm
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) January 29, 2023
90'
Empatou no último suspiro do partido @Charlesbrau9 cun remate de cabeza marca da casa
Vímolo na G2 pic.twitter.com/NQkQdyOxnn
PONTEVEDRA CF (1): Pablo Cacharrón, Samu Araújo (Oier Calvillo, min. 55), Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González, Rufo (Bakero, min. 20), Yelko, Alberto Rubio (Charles, min. 76), Derik Osede (Seoane, min. 76), Valen (Martín Diz, min.55).
REAL MADRID CASTILLA (1): Mario De Luis, Tobías, Rafa Marín, Carrillo, Theo Zidane, Arribas, Peter (Leiva, min. 76), Álvaro Martín, Marvel, Iker Bravo (Javi Villar, min. 83), Obrador.
Goles: 0-1, Peter, min. 35. 1-1, Charles, min. 90.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 do grupo I de Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 6.300 espectadores.