Un gol de Ana Rivera na prórroga clasifica o Poio Pescamar para a final da Copa da Raíña

Poio
18 de decembro 2020

O Poio Pescamar está a só un partido de poder levantar o primeiro título nacional da súa historia, tras superar o Universidad de Alicante nunha emocionante semifinal cun gol a 35 segundos da conclusión do tempo extra. O actual campión de liga, o Burela, rival na final do domingo

Semifinal da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Universidad de Alicante
Semifinal da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Universidad de Alicante / RFEF

A un partido da gloria! O Poio Pescamar roza a gloria e por primeira vez na súa historia xogará por gañar un título nacional, en concreto a ansiada Copa da Raíña da pasada tempada e que este venres iniciou en Málaga a súa fase final, recolocada no calendario tras o aprazamento pola Covid.

O conxunto conserveiro meteuse na final da competición despois de superar nun emocionante encontro ao Universidad de Alicante (1-0), decidido a só 35 segundos do final da prórroga cun gol de Ana Rivera.

As vermellas, que chegaron a Málaga nun gran momento de forma, demostraron desde o inicio a súa ambición, e cunha presión alta dificultaban a saída do seu rival conseguindo roubar en campo contrario para sumar as súas primeiras ocasións. Así chegaron nos tres primeiros minutos oportunidades como un disparo desviado de Luci ou dúas accións de Dani Sousa, un perigo constante, poñendo a proba a portería defendida por Elena Gómez.

No minuto 6 Antía Pérez gozou doutra clara ocasión nunha rápida transición á contra, pero no man a man non foi capaz de superar á gardameta alacantina. Apenas conseguía saír o Universidad, ata que tras un remate de Carol Agulla conseguiu sacar un rápido contragolpe que meteu o medo no corpo das  conseveras. Foi unha tripla oportunidade que se atopou unha sobresaliente resposta de Caridad na meta do Poio.

Aínda que seguían sendo protagonista do partido, o Poio empezou a permitir máis chegadas dun Alicante que ía crecendo, ou máis ben equilibrando o xogo. De feito puido facer o 0-1 Lara Terrés para o conxunto universitario, pero por fortuna o seu disparo marchou desviado por centímetros.

Cunha igualdade máxima sobre a pista, Luci protagonizou unha gran acción individual, con caño á súa defensora, atopándose con outra intervención de mérito de Elena Gómez. Só a falta de puntería impedía que a primeira parte fose redonda.

Tras o paso por vestiarios ambos os dous equipos comezaron con certas precaucións, sen querer cometer erros. Iso traduciuse en menos chegadas, co Poio perdendo o control do xogo que exercera ata entón. A pesar diso a primeira acción de perigo foi de Ana Rivera, nun tres para un tras unha xogada individual desde campo propio que finalizou desviado. Probouno despois Antía atopando unha boa resposta de Ana Romero, gardameta que saíra tras o descanso, e tamén Dani Sousa no ecuador do segundo acto cabeceando un saque de esquina con perigo.

Os nervios empezaban a aparecer, e con iso certas imprecisións. O marcador con todo seguía sen moverse á vez que a tensión aumentaba. Aproximábanse así os momentos decisivos e as de Manu Cossío víronse obrigadas a dar un paso atrás. Foron os mellores minutos do Universidad de Alicante, que desperdiciou unha clara contra nos pés de Anita e obrigou a lucirse a Caridad a falta de poucos segundos para a conclusión do tempo regulamentario.

A arqueira salvaba ao Poio, que por fortuna recuperou sensacións na prórroga (reducida con dous partes de 3 minutos cada unha) volvendo chegar con relativo perigo. Fíxoo na primeira metade Luci, cun remate forzado, e sobre todo Carol ao non chegar a rematar nunha posición franca ante a meta rival.

Chegaba o último e definitivo período do tempo extra, que empezaba cunha boa acción de Ana Rivera recortando e disparando con perigo. Detivo o lanzamento Ana Romero, pero era toda unha declaración de intencións do que estaba por suceder, con todo o mundo dando case por feito que os penaltis serían os que decidirían o segundo finalista da Copa da Raíña. Restaban 40 segundos cando de novo Rivera recibiu pegada ao costado zurdo, fíxose un oco e disparou con potencia sorprendendo á gardameta e facendo o 1-0.

Respondeu o Alicante xogando de cinco as súas últimas posesións, pero o Poio Pescamar defendeu con uñas e dentes o seu bótín, nada menos que o pase á final de Copa. Alí verán as caras o vindeiro domingo (12.00 horas) co actual campión de liga, un Burela que venceu na súa semifinal o Alcorcón. As vermellas teñen pasaporte para soñar.

POIO PESCAMAR (1): Caridad, Irene, Ana Rivera, Luci, Dani Sousa -cinco inicial- Mirian, Julia Dupuy, Iraia, Antía Pérez, Agostina Chiesa, Clara, Silvia Aguete. 

UNIVERSIDAD DE ALICANTE (0): Elena Gómez, Anita, Elenita, Melli, Rocío -cinco inicial- Mónica, Miriam, Raquel, Sara, Pao, Lara Terrés, Ana Romero.

Árbitros: Amoestaron a Dani Sousa, Antía, Luci e Ana Rivera no Poio Pescamar e a Anita e Rocío no Universidad de Alicante.

Gol: 1-0 Ana Rivera, minuto 46.

Incidencias: Semifinal da Copa da Raíña disputada no pavillón Martín Carpena de Málaga.