Un Galaico Sincro de récord na natación artística galega

Pontevedra
03 de xullo 2023

A expedición pontevedresa do Galaico Sincro viaxou esta fin de semana a Arrecife (Lanzarote) para disputar o Campionato Absoluto e Infantil de verán de primeira división, onde Daniela Suárez conseguiu o billete para representar a España no Mundial Infantil que se celebrará en Atenas do 30 de agosto ao 3 de setembro

O Galaico Sincro no Campionato de España de verán
O Galaico Sincro no Campionato de España de verán / Galaico Sincro

A expedición pontevedresa do Galaico Sincro viaxou esta fin de semana a Arrecife (Lanzarote) para disputar o Campionato Absoluto e Infantil de verán de primeira división. Alí competiron os 16 mellores clubs do país que se clasificaron no pasado campionato de inverno que se celebrou en marzo deste ano en Oviedo.

Por parte do equipo pontevedrés nadaron en rutinas de dúo, equipo e combinadas os seus seis compoñentes, Clara Maquieira, Claudia Fernández, Lucía Arosa, Navia Pérez, Nayeli Faro e Daniela Suárez, sendo estas dúas últimas bolseiras polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Comezou o campionato o venres pola tarde coa sesión de figuras e na que participou Daniela Suárez para meterse na clasificación das 10 mellores de España que lle outorga, xunto cos resultados en figuras do campionato de inverno de Oviedo, o dereito para nadar as probas de selección para optar por unha praza na selección de España infantil e respresentar ao país no próximo Mundial infantil de Atenas do 30 de agosto ao 3 de setembro.

O sábado, en sesión de mañá, foi a quenda dos dúos libres, onde Daniela Suárez e Nayeli Faro nadaron a súa rutina dun total de 24 rompendo con outra barreira na natación artística galega, sendo o mellor resultado en dúos infantil de Galicia nun campionato de España.

Xa en sesión de tarde foi a quenda do equipo libre composto por Daniela Suárez, Nayeli Faro, Clara Maquieira, Claudia Fernández, Navia Pérez e Lucía Arosa que saíron a defender a súa rutina de equipo "Cuatro Elementos" conseguindo finalmente o posto 15 de 20 rutinas en total.

O domingo, en sesión de mañá, nadáronse as rutinas combinadas onde, de novo, Daniela Suárez, Nayeli Faro, Clara Maquieira, Claudia Fernández, Navia Pérez e Lucía Arosa, presentaban a súa rutina "La La Land" alcanzando o posto 17 dun total de 20 rutinas participantes.

Unha vez finalizado o campionato realizáronse as probas de selección coas 20 mellores nadadoras da clasificación de figuras como participantes. Entre elas atopábanse Daniela Suárez (Galaico Sincro) e Helena López (R.C.Náutico de Vigo), que se xogaron un posto entre as 14-16 nadadoras mellores de España que formarían o equipo nacional de natación artística infantil. 

Finalmente confirmouse que as dúas galegas viaxarán a Atenas para disputar o Mundial e, do 2 ao 28 de agosto, estarán concentradas no centro de alto rendemento de Barcelona para prepararse para a competición.