Un fungo dana o céspede da Lomba, que debe estar recuperado para a próxima xornada

O Salnés
22 de setembro 2021

O enxeñeiro agrónomo responsable do coidado do terreo de xogo de Balaídos xa asesorou aos responsables do mantemento do campo para solucionar o problema e no Arousa confían en que o  Concello teña o campo listo antes do 3 de outubro, data na que os locais recibirán ao Coruxo  

Estadio Municipal da Lomba
Estadio Municipal da Lomba

O empate sen goles rexistrado o pasado domingo na Lomba non só se debeu á falta de puntería tanto do Arosa como do Llanera, o céspede, polo seu mal estado, foi tamén un dos protagonistas do encontro.

Na directiva do conxunto arlequinado non esconden a preocupación polo repentino empeoramento do terreo de xogo. "No primeiro partido o campo estaba ben. A Fundación estivo a traballar no campo é evidente que o empeoramento nas últimas semanas non é por falta de coidados, senón por un problema puntual", argumenta o director xeral do club, Rodrigo Lojo.

Para saber que lle pasa ao  tapete da Lomba, desde o Arosa contactaron co enxeñeiro agrónomo que se encarga do mantemento do céspede do estadio de Balaídos, cuxo diagnóstico apunta cara a "un fungo" como responsable do mal estado. O técnico xa asesorou á Fundación, responsable do mantemento da Lomba, para solucionar este problema no menor tempo posible.

"Desde o club confiamos na dilixencia do Concello para seguir desempeñando os seus coidados, esperando que o campo mellore nas próximas semanas de fronte ao partido de liga en casa ante o Coruxo, que será o domingo 3 de outubro ás 19 horas", reclaman os directivos do Arosa. 

CAMPAÑA DE SOCIOS E VIAXE A SEGOVIA

A directiva do Arosa informa tamén de que o club está a piques de alcanzar a cifra dos 1.200 socios. "Estamos moi contentos co respaldo social, coa asistencia e  eñ comportamento da afección nos partidos", di director xeral. E para seguir apoiando ao primeiro equipo, o club organiza un desprazamento de afeccionados a Segovia. 

O prezo da viaxe é de 80 euros e inclúe desprazamento en autobús o sábado á primeira hora da tarde e regreso o domingo á conclusión do encontro, aloxamento con almorzo incluído nun hotel de 4 estrelas e entrada ao partido.