O Marín Futsal meteuse en problemas tras caer contra o Rayo Majadahonda, equipo que marcaba o descenso, na Raña. O cadro de Ramiro Díaz estivo moi desacertado durante todo o encontro e termina a primeira volta cunha dura derrota por 1-3.
Con transicións rápidas iniciou o partido o conxunto local, mentres o Majadahonda cedía a iniciativa e defendía con acerto esperando a súa oportunidade ao contragolpe.
De feito, foron as rayistas as que tiveron as ocasións máis claras, secundadas polo seu gardameta, que freaba as chegadas do Marín Futsal, e que vían en Marta de Diego a opción de adiantarse nun man a man ante Silvia Aguete.
Tentábano tamén as de xogadoras de Ramiro Díaz, que buscaban bater a unha Laura Fernández impecable que desbarataba unha e outra vez os disparos das xa desesperadas futbolistas locais.
Tamén Silvia salvaba os mobles ao seu equipo tras dúas perdas de Ceci e Adri, pero nada puido facer para evitar o gol rival a falta de 3 minutos para o descanso. Laura despexou e María León deixouna pasar para que a atallase a súa porteira, pero alí estaba Marta de Diego para superar de primeiras a Aguete.
A segunda metade comezou igual para o Marín Futsal, que se estrelaba unha e outra vez contra a porteira rival e que tiña en Ale o empate tras un pase de Ceci. Foi con todo a balón parado cando chegaron as táboas cun tanto de Lara Balseiro tras dous tiros de Bea Mateos.
Quedaban seis minutos e as da Raña fixéronse co control do xogo aínda que incapaces de inclinar a balanza ao seu favor. Mentres tanto, o Rayo seguía facendo das súas en tarefas defensivas e impedía o gol do Marín, que se mostraba cada vez máis nervioso e desesperado ante a falta de acerto.
E nunha das poucas chegadas das visitantes nesta segunda parte, atoparon o premio. De Diego buscou de costas a Ceci e a marinense derrubouna, pitando o colexiado un penalti que Andrea Feijoo encargábase de transformar no 1-2.
Pediu tempo morto Ramiro Díaz e optou polo xogo de cinco con Lara Balseiro, pero ese risco custou demasiado caro ás locais, que viron como Pitxi despexaba desde cancha propia e anotaba a porta baleira o 1-3 que lles deu a vitoria para saír dos postos de descenso.
MARÍN FUTSAL (1): Silvia Aguete; Ceci, Pau, Adri e Bea Mateos (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ale de Paz, María León, Lara Balseiro, Inés Mayán e Nuria.
RAYO MAJADAHONDA (3): Laura, Marta de Diego, Andrea Feijóo, Moni e Pitxi (quinteto inicial). Tamén xogaron, Peque, Andrea Guzmán e Sofi.
Incidencias: A Raña. Colexiados, Pérez Muñiz e Pérez Rodríguez. Amoestou a Moni no Rayo Majadahonda.
Goles: 0-1, min. 17 Marta de Diego. 1-1, min. 34 Lara Balseiro. 1-2, min. 38 Andrea Feijóo (penalti). 1-3, min. 40 Pitxi.