Un Compostela "con caras novas pero máis rodado que o que nos enfrontamos a tempada pasada"

Pontevedra
06 de setembro 2024

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, analizou este venres o que será o primeiro partido a domicilio do seu equipo esta tempada, coa visita ao campo da SD Compostela 

Yago Iglesias, durante un adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Yago Iglesias, durante un adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol mira cara ao seu primeiro desprazamento da tempada, nin máis nin menos que un derbi autonómico fronte á SD Compostela no Estadio Vero Boquete San Lázaro (domingo, 17.00 horas).

"É o seu primeiro partido na casa, un derbi, coa súa afección, así quixo o calendario que se empezase e así imos, a por os tres puntos a Santiago tendo claro por onde temos que ir e sobre todo tendo claro cales son as potencialidades do equipo rival", analizou este venres o adestrador dos granates, Yago Iglesias, na rolda de prensa previa a esta encontro.

O técnico eloxiou a evolución mostrada nos últimos meses polo cadro santiagués desde que Antón Permuy asumiu o cargo, no tramo final do curso pasado. 

"Xa as últimas xornadas da tempada pasada creo que o Compostela acabou asimilando e tendo claro o que o corpo técnico lle pedía. O que vimos e analizamos é que esa idea cada vez se interioriza máis. É un equipo con caras novas pero creo que máis rodado que o que nos enfrontamos a tempada pasada", asegura Yago Iglesias.

O preparador do Pontevedra agarda un rival con liña de cinco atrás pero ao que "lle gusta ter o balón, pero que manexa ben a verticalidade e entende cando ten que correr".

Será o primeiro de dous esixentes duelos a domicilio para os granates, ambos os dous fronte a teóricos rivais por ocupar a zona alta da táboa como son o propio Compostela e o Numancia, aínda que como positivo Yago Iglesias cre que "é bo que empecemos xogando fóra en terreos parecidos ao noso".