José Antonio 'Cohete' Suárez cumpriu os prognósticos vencendo unha sétima edición do RallyMix Cuntis Vila Termal pasada por auga.
O piloto asturiano e o seu compañeiro Alberto Iglesias, aos mandos dun Skoda Fabia RS Rally2, foron os máis rápidos da proba automobilística, penúltima do Campionato Galego, celebrada nunhas condicións meteorolóxicas extremas.
Pese ao gran esforzo da organización, traballando de noite para tentar adecuar o circuíto debido ao barro xerado polas instensas choivas, este domingo tampouco se puido completar a programación prevista decidindo suspender o último tramo cronometrado.
Unha situación que non impediu ao RallyMix Cuntis Vila Termal deixar imaxes espectaculares.
Foguete Suárez e Alberto Iglesias marcaron un tempo final de 46:40.489, sendo vencedores da xeral e da Agrupación B. O segundo posto foi para Alfonso 'Pisko' Ventín, gañador na categoría da Agrupación A e na Copa MRF., mentres que o terceiro posto do podio foi para Francisco José Pérez e Manuel Mosquera, segundos na Agrupación A.
Completaron o cinco primeiros clasificados da xeral Ismael Neira (3º agrupación A e 2º Copa MRF) e Alejandro Fariña.
Pola súa banda o podio da Agrupación B xunto ao dominador do rally foron Dani Remuiñán e Álvaro Cerqueiras en segunda posición e os irmáns Tino e Jorge Iglesias na terceira.
Por último Eduardo González e Esther Charro foron os mellores da Copa Pirelli e Juan Manuel Cagiao e Iván Bergondo venceron na Copa Escuderías.