FERROL: Servizo especial para Pontevedraviva de www.ferrol360.es. Texto de Raúl Salgado e Fotos de Mero Barral.
Unha xenialidade bastoulle ao Racing nun derbi vibrante. Sentenciou un Dani Benítez acariñando a condición de excelso fronte a un Pontevedra moi ben situado ao comezo e que acabaría desenfocando o obxectivo. Aparentemente sen norte nunha tarde de máis trasfega na Malata, de bo ambiente á calor dun domingo que non parecía de febreiro e con máis presenza policial.
Completou o reforzo na bancada a fiel afección visitante, determinante ao resistir o empuxe dun Benítez que, como o resto, pareceu apagar paulatinamente a luz. Pequenas erratas que non chegaron a máis, un cadro verde apertando os dentes para conservar unha vantaxe coa que poder respirar.
Cita de físicos e intensidades, de arriscar ao conceder. Os de Miguel Ángel Tena souberon gustarse desde a retagarda mentres os de Luisito non perdían a compostura. Dirimíase en tramos centrais a contenda ata que o artífice do gol, parece fácil pero é tan difícil, sacouse da chistera un escintileo da súa maxia.
Xunto ao seu papel, destacou a temperanza, que xa ten mérito co seu vigor físico, dun Mendi que deixa calidade a cada pouco. Espertou á contra o Pontevedra, atopándose cun Racing esvaecido en primeira fase. Algún tiro desviado e moitos rostros de desazón. Intentos que non sabían a que aspiraban.
A marea de pés e brazos foi marea baixa no segundo período. Afloraron breves desaxustes verdes e os granates foron deixándose polo camiño a velocidade que destilaron á estrea. Lixeiros retoques de posicións, unha proposta menos ofensiva cara á recta final.
Resistindo con Mendi e Dani Benítez por ineficacia da posición máis adiantada, a vertixe do entretemento xa non sorría aos do Lérez. A capacidade de reacción do once granate, un espellismo. Os anfitrións entretíñanse para despistar e o que se atoparon foi un rival con ollos vendados.
Carente de relato no tempo definitivo, a Nano Macedo tocoulle bailar coa máis fea e a Diego Maceira encarrillar coa súa axilidade cara a Dani Benítez. Sólido, Víctor Vázquez tranquilizou, como tamén a entrada de Bicho, decisiva para espabilar polos costados e inxectar máis veleno.
Saltou o encontro do enganche á alternancia de meras preensiones, cunha liña atacante introducida ata a cociña pontevedresa. Ao Racing esgotóuselle a munición preto de portería e quen abría vías atopábanse coa soidade máis palmaria. Encadeados en zona visitante.
Con todo, as leccións abundaron, como a plena incorporación de Mendi ao entendemento cos seus compañeiros ou as funcións que o goleador da sesión pode executar con mono de traballo. Pelexa ata o último suspiro. Afogado no seu marasmo, o Pontevedra encarou mesturas e axustes que non propiciaron alegrías.
Precipitados os cambios co regreso do vestiario case na boca, Luisito non conseguiu exhibir credenciais con garantías. Mendi botouse o labor ás costas xa desde o segundo seguinte ao gol para acabar redundando en tarefa de grupo. A que coroaba o correcto proceder de Sergio García baixo paus.
Algunha patada furtiva, complicacións innecesarias e improvisacións que quedaron en anécdotas. A tensión tamén foi a menos e nin ao xogo parado apareceron máis sorpresas. Tres puntos que elevan a moral e que abren a porta a un período diferente en filas navais, mentres os granates seguen atascados na súa seca goleadora, sumando o seu sexto partido sen mollar. Así, gañar é imposible.
RACING DE FERROL (1): Sergio García; José Cruz, Diego Maceira, Víctor Vázquez, Nano Macedo; Catalá, Gonzalo García (Juan Martínez, minuto 88); Adrián Armental (Brais Abelenda, minuto 75), Mendi (Bicho, minuto 57), Dani Benítez; e Joselu.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel, Portela (Mateu Ferrer, minuto 46), Bruno, Bonilla; Kevin Presa, Jacobo Trigo; Eneko (Álex González, minuto 58), Mouriño (Abel Suárez, minuto 46), Jacobo; e David Añón.
Árbitro: José Alberto Pardeiro Puente (Cantabria), auxiliado nas bandas por Rocío Puente e Juan Pastor. Amoestou aos locais Víctor Vázquez e Brais Abelenda e ao visitante Portela.
Gol: (1-0) Minuto 37: Dani Benítez.
Incidencias: Campo Municipal da Malata (Ferrol). Algo máis de 2.000 espectadores, con notable presenza de seguidores visitantes.