Inxusto empate, polos méritos feitos, o conseguido polo Pontevedra CF no seu debut en Primeira RFEF ante o recentemente descendido Alcorcón. Os de Antonio Fernández demostraron ser dignos da categoría mostrando moi boa imaxe en todo momento, podendo mesmo deixar os tres puntos en Pasarón.
Con calma e evitando cometer erros saltou o Alcorcón ao céspede de Pasarón, tomándose o seu tempo á hora de mover o esférico e provocando faltas perigosas en campo granate. De feito, foi así como os madrileños gozaron das mellores ocasións ao comezo do partido, con senllas faltas laterais mal defendidas que rematou sen problemas Adrián Dalmau. A primeira atallouna Álvaro Cortés e a segunda foi fóra.
A Antonio Fernández non lle gustaba o que vía no verde e pedía calma aos seus xogadores, que se precipitaban cada vez que tiñan o balón e non lles duraba nada nos pés. Con todo, nun mal despexe da zaga amarela tiveron a oportunidade de abrir a lata, pero o disparo de Brais Abelenda marchou desviado.
Co paso dos minutos o Pontevedra foise asentando e empezou a ver os froitos do bo xogo aínda que sen ver o gol. Con aparturas á banda e desprazamentos rápidos de balón a bancada de Pasarón comezaba a gozar do xogo dos seus, sobre todo cando Brais Abelenda cedía a Charles á frontal da área e este abría a Alberto Rubio para poñer á bancada en pé, aínda que o seu centro íase pola liña de fondo.
Na seguinte xogada tivérona os granates desde a esquina. Colgou Rubio á área, peiteou Charles ao segundo pau e David Soto rematou fóra por moi pouco.
Gustábase o Pontevedra e a afección sabíao. Sobre todo cando chegou a mellor ocasión de toda a primeira parte ata o momento cunha falta ao bordo da área cometida sobre Brais Abelenda. Foi Oier Calvillo o que se ofreceu para lanzar un libre directo que puido ser un golazo, pero o balón acabou estrelado na portería de Prieto.
E cando mellor estaba a facelo o cadro granate chegou a polémica. O colexiado pitou unha falta inexistente sobre un xogador do Alcorcón, centrou Javi Lara á área e Babín cabeceou á rede anotando o primeiro tanto do partido cando se cumpría a media hora de xogo.
Buscou a reacción o Pontevedra e foron os Madrid os que puideron anotar o 0-2, poñendo contra as cordas aos granates que sufrían máis do debido con dúas claras ocasións que o Alcorcón perdoaba diante dun Álvaro Cortés providencial.
Con todo, os de Antonio Fernández seguiron en busca dunha igualada que chegou ao fío do descanso despois dun centro de Oier Calvillo e o seu posterior cabezazo de Brais Abelenda, que deu no poste e terminou entrando ante un inmóbil Prieto.
Despois do paso polos vestiarios foi o Pontevedra o que se fixo co control do xogo e a punto estivo de poñer o 2-1 nada máis comezar a segunda metade. Xutou desde tres cuartos de campo Miguel Román, que armou a perna e obrigou ao gardameta visitante a meter unha man decisiva e desviar a córner.
As boas sensacións estaban presentes nos granates, que estaban a ser un auténtico furacán e axexaba unha e outra vez a portería do Alcorcón con senllas ocasións de Calvillo, Rubio e Charles.
O Alcorcón sufría e Fran Fernández decidía dar aire fresco no campo cun dobre cambio, dando entrada a Ernesto Gómez e Chiki por Víctor García e Dalmau. Mentres, Antonio Fernández facía o propio substituíndo a Alberto Rubio e Charles polo recentemente chegado Jon Bakero e Rufo.
De feito, foron estes os protagonistas da seguinte ocasión do Pontevedra. Bakero recibiu unha falta no lateral, Calvillo centrou e Rufo rematou un pouco forzado aínda que coa portería baleira.
Non baixou o ritmo o Pontevedra, que seguiu ao seu mentres ao Alcorcón pesábanlle máis as pernas co paso dos minutos, pero tivo no minuto 68 a oportunidade de poñerse de novo por diante no marcador na que era a primeira chegada á área de Cortés nesta segunda metade. Botaron os amarelos desde o córner e Javi Castro rematou de cabeza, pero para fortuna dos locais Churre estaba ben colocado e sacou o balón sobre a liña de gol.
Pasarón necesitaba anotar e, cando quedaba pouco máis dun cuarto de hora, de novo movía ficha o técnico granate, dando paso Borja Domínguez e Guèye por uns cansos Brais e Yelko. Con todo, era o Alcorcón o que xeraba máis perigo neste tramo final, sobre todo a balón parado.
Alcanzou o partido os últimos 5 minutos e entrou o recentemente chegado Mario Ortiz para darlle un plus aos instantes decisivos nos que o Pontevedra tentouno pero tívose que conformar cun punto no seu debut en Primeira RFEF.
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Anxo Bastos, Víctor Vázquez, Miguel Román (Mario Ortiz), David Soto, *Álex Rodríguez, Brais Abelenda (Borja Domínguez), Yelko Piñeiro (Guèye), Oier Calvillo, Alberto Rubio (Jon Bakero) e Charles (Rufo).
AD ALCORCÓN (1): Andrés Prieto, Javier Castro, Pedro Mosquera, Babin, Álvaro Bustos, Antonio Moyano (Javi Ribelles), Javier Lara (Alberto González), Víctor García (Ernesto Gómez), Pablo García (David Morillas), Iago López e Adrián Dalmau (Chiki).
Goles: 0-1 Babín (min. 29). 1-1 Brais Abelenda (min. 43).
Árbitros: Eder Mallo, José M. Madrigal, Silvia Fernández e Omar Álvarez do Comité Castelán Leonés.
Incidencias: Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, fixo entrega á presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, do trofeo de campión de liga da Segunda Federación, obtido na temporada 2021-2022.