Ultimato da RFEF aos equipos de Primeira Federación para que acepten un sistema de control económico

Pontevedra
07 de febreiro 2023

Os corenta clubs dispoñen de 48 horas para emitir o seu voto e, se a maioría rexeitan a proposta da RFEF, Rubiales ameaza con reestruturar as competicións oficiais non profesionais dependentes da Real Federación Española de Fútbol

Céspede do Estadio Municipal de Pasarón
Céspede do Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

O futuro da Primeira Federación segue no aire. Despois da reunión na que unha serie de clubs mostraron o seu malestar co funcionamento desta categoría, é agora a Real Federación Española de Fútbol a que responde cun requirimento aos corenta clubs que participan na categoría de bronce para que decidan se están a favor ou en contra de implantar un sistema de control económico. 

Se a votación é favorable, a Primeira Federación terá futuro. Mentres que se a maioría votan en contra, o organismo que preside Rubiales "adoptará aquelas decisións sobre a configuración das competicións oficiais de ámbito estatal non profesionais que se consideren máis beneficiosas para o conxunto do fútbol español", recolle a carta enviada pola RFEF aos clubs e cuxo contido adiantou o xornalista de Marca Rafa Mainez. 

O obxectivo da Federación é implantar un sistema de control económico similar ao Xogo limpo financeiro da UEFA ou da LaLiga, que limite o gasto en salarios e traspasos o 70 % dos ingresos dos clubs. Unha medida que se implantaría de forma gradual, pasando ao 90 % o próximo curso, o 80 % na 2024-2025 e ao 70 % definitivo a partir da 2025-2026. O obxectivo desta medida é evitar que os equipos sigan endebedándose e xerar unha competición máis igualitaria. 

A misiva inclúe outras catro propostas relacionadas coa revisión do sistema de sancións disciplinarias, a aprobación dun convenio colectivo para o fútbol non profesional, o dereito para veto da RFEF a acordos entre clubs ou o compromiso dos equipos para cumprir con todas as normas reguladoras da competición.

Os corenta clubs deportivos que compoñen a Primeira Federación dispoñen de 48 horas para emitir o seu voto a través de correo electrónico. No caso de que a votación sexa favorable ao proposto pola RFEF, desde Las Rozas poñerán en marcha de maneira inmediata os mecanismos fixados nos anteriores puntos. Pero se a maior parte dos clubs rexeitan a proposta, a RFEF reunirá os órganos competentes para adoptar as decisións oportunas en canto a estruturación do conxunto das competicións oficiais non profesionais da RFEF.