Última alegría do ano do Pontevedra vencendo o Salamanca no Helmántico (1-2)

Pontevedra
19 de decembro 2021

Charles e Romay, este último no tramo final, fixeron os goles en Salamanca dun Pontevedra que suma a súa quinta vitoria consecutiva en liga e mantense á espreita do líder Unión Adarve

Partido entre Salamanca CF UDS e o Pontevedra no Helmántico
Partido entre Salamanca CF UDS e o Pontevedra no Helmántico

O Pontevedra Club de Fútbol marcha de vacacións cun sorriso despois de sumar este domingo o seu quinto triunfo consecutivo en liga, unha vitoria traballada nun lugar con soleira como o Estadio Helmántico no que xoga o Salamanca CF UDS e que lle permite seguir á espreita do líder Unión Adarve, que tampouco fallou esta xornada.

Co regreso de Churre ao centro da defensa cumprido un encontro de sanción, Ángel Rodríguez recuperaba o seu once inicial tipo nas últimas semanas e que xa case empeza a recitarse de memoria.

Fiel ao seu estilo o conxunto granate trataba de facerse coa iniciativa aínda que tirando de paciencia, atopando a un rival que a pesar da súa mala  stuación clasificatoria é un plantel de peso, un equipo ben traballado en defensa (só recibira 8 goles en contra) pero ao que lle está custando este curso ver porta (chegou á cita con 4 goles a favor).

Froito dese plantexamento a primeira ocasión fíxose de rogar ata o minuto 18 de partido, nun centro de Yelko Pino que Alberto Rubio remataba no punto de penalti sen atopar portería.

Tentou responder o Salamanca, pero pouco despois o que chegou foi o 0-1. Corría o minuto 25 de mollo cando Román recollía un balón solto e habilitaba a  Samu Araújo na custado da área. O lateral zurdo controlaba, erguía a cabeza e vía o movemento de Charles ao primeiro pau para rematar de cabeza ao fondo da rede. O seu décimo cuarto gol esta campaña.

O Pontevedra fixera o máis difícil, poñerse por diante ante un equipo que sempre que se viu por detrás no marcador fora incapaz de remontar. Con todo a renda duroulle só 10 minutos, debido a un das poucas dores de cabeza este curso para os da Boa Vila, o balón parado defensivo.

Telles sacaba cun bo toque unha falta afastada atopando desmarcado a Ribeiro ante un desaxuste defensivo. O seu testarazo foi ao pau, pero o rexeite, con  Cacharrón de espectador ao pasar o coiro polas súas costas, caía a Arencibia para fusilar e devolver a igualdade ao marcador.

O gol deu un xute de enerxía aos locais, que roldaron o segundo pouco despois nunha acción de Carrasco primeiro e despois por medio de Manín, que chegou a mandar o coiro ao fondo da portería pero en claro fóra de xogo.

Pasado o mal intre o Pontevedra foise serenando para chegar ao descanso e e tentar retomar o guión inicial. Con todo o orgullo dun equipo ferido como o Salamanca, chamado a pelexar polo ascenso pero que fai as beiras co descenso, fixo que tras o paso por vestiarios dese un paso á fronte na súa presión dificultando o xogo dos de Ángel Rodríguez.

Esa saída dos salmantinos fíxolles gozar de varias aproximacións con perigo, primeiro nun disparo de Adri Carrasco e despois en dous descoidos defensivos que por fortuna non tiveron consecuencia.

Aos poucos o Pontevedra foi recuperando o ton e o partido foi decantándose ao seu favor. Tívoa Charles chegando ao ecuador do segundo período a centro de Álex, e pouco despois volveu tentalo sen éxito o brasileiro.

Íase chegando aos minutos decisivos, e se na primeira parte a estratexia golpeara en contra, esperaba unha compensación. Era o minuto 80 e Yelko Pino colgaba ao corazón da área unha falta lateral envorcada á esquerda, o porteiro local Salcedo saía en falso e Romay, recentemente entrado no terreo de xogo, metía a cabeza para facer o 1-2.

Ata o final tocou conter a reacción á desesperada do Salamanca, pero fíxoo con oficio o Pontevedra para sumar tres puntos máis no seu marcador, confirmarse como o mellor visitante da categoría e seguir aspirando ao primeiro posto do grupo.

SALAMANCA CF UDS (1): Salcedo, Palomares, Kristian (Arencibia, min.28), Murua, Espeso, Hugo Díaz (Jairo, min.72), Telles, Benito (Liam Ayad, min.61); Carrasco, Ibán Ribeiro (Carmona, min.61), Manín.

PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Samu Araújo (Romay, min.77), Miguel Román, Yelko Pino, Alberto Rubio (Martín Diz, min.77), Álex González, Brais Abelenda, Charles.

Árbitro: Diego Valdés Díaz, auxiliado nas bandas por Estrada Rodríguez e Ballesteros De La Rubia (Asturias). Amoestou a Arencibia no Salamanca e a Yelko Pino e ao técnico Ángel Rodríguez no Pontevedra.

Goles: 0-1 Charles, min.25; 1-1 Arencibia (min.35); 1-2 Romay (min.80).

Incidencias: Partido da xornada 16 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Helmántico de Salamanca. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento esta semana da nai do adestrador granate Ángel Rodríguez.