Triunfo en Salamanca para o Froiz, que xa mira cara á Volta a Galicia

Pontevedra
09 de setembro 2024

O portugués Lucas Lopes, do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, proclamouse vencedor da 52 Vuelta Ciclista a Salamanca

Lucas Lopes, vencedor da 52 Vuelta Ciclista a Salamanca
Lucas Lopes, vencedor da 52 Vuelta Ciclista a Salamanca / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Coa moral alta vai chegar o Grupo Deportivo Supermercados Froiz ao último reto principal da súa tempada, a Volta a Galicia que arrinca o vindeiro xoves 12 de setembro en Sarria.

O equipo pontevedrés adxudicouse o triunfo na 52 Vuelta Ciclista a Salamanca, todo un reforzo de moral para a carreira da casa.

Fíxoo grazas ao portugués Lucas Lopes, primeiro da xeral na proba salmantina dando continuidade ao seu bo momento de forma tras participar en Francia no prestixioso Tour do Porvir, onde finalizou no posto 12º.

Lopes completou a etapa inicial en Salamanca no grupo de cabeza, entrando en meta a 29 segundos do vencedor, Pablo Carrascosa, neutralizando a diferenza na segunda xornada este luns ao entrar nunha fuga moi traballada xunto a dous corredores do Cortizo padronés que avantaxaron en pouco máis dun minuto ao pelotón.

Foi un dos representantes do Cortizo, Martín Rey, o que se fixo coa etapa ao sprint, pero Lucas Lopes colocouse líder da xeral para proclamarse vencedor absoluto con 34 segundos de vantaxe sobre Carrascosa.