A falta de dúas xornadas para a conclusión da liga regular, o Marín Futsal saíu, por fin, dos postos de descenso despois de gañar ao Viaxes Amarelle por 3-1.
O conxunto dirixido por Ramiro Díaz chegaba á cita en antepenúltima posición e a dous puntos da salvación, que marcaba o conxunto herculino, polo que se trataba dun enfrontamento de vital importancia para a permanencia tanto para un como para outro.
Tocaba gañar si ou si e o Marín Futsal fixo os deberes, aínda que non foi ata a segunda metade cando chegaron os goles.
O primeiro, nada máis saír dos vestiarios. Gran combinación entre Débora Lavrador e Carolina Pedreira que esta última enchufó o interior da portería.
A once minutos do final, Débora Lavrador puxo terra polo medio cun auténtico golazo de tacón. Cambio de orientación de dereita a esquerda, recibiu Café, recortou, e púxolla na área á portuguesa, que cun taconazo bateu á gardameta rival para subir o 2-0.
Optou o Viaxes Amarelle por atacar con porteira-xogadora e a cinco minutos do final recortou diferenzas. Patri Arruti, que fora un muro durante toda a tarde, tentou interceptar o disparo deChuli pero escapóuselle das mans e coouse o interior da rede.
A emoción estaba servida, con todo, en xogada de estratexia e como vén sendo habitual, o Marín Futsal volveu reaccionar. Gi Portes púxoa desde a esquina e Carolina Bravo enganchouna de volea para dar a tranquilidade e facer o 3-1 co que concluíu o encontro.
Consulta a acta nesta ligazón