Hai veces que os resultados finais no deporte, máis aínda en fútbol sala, non reflicten o realmente sucedido sobre o terreo de xogo. É o caso da vitoria do Poio Pescamar sobre Cidade das Burgas. O 5-2 final pode levar a quen non vise o partido para pensar que as mozas de Marcio Santos venceron con comodidade cando o certo é que a falta de pouco máis de dous minutos para a conclusión do partido perdían por 1-2 e estrelábanse contra a ordenada defensa ourensana e contra o muro que supoñía a súa porteira Ana Lastra.
Foi un partido intenso, cun Poio Pescamar pelexado contra a súa propia falta de puntería que lle levou a non conseguir perforar a portería rival na primeira metade na que mandaron, remataron dúas veces aos postes por medio de Ale de Paz e Iria Saeta, e cando non foi a madeira, alí estaba Ana Lastra para salvar os remates envelenados de Ceci, Iria Saeta ou Jenny Lores, que dispuxo tamén dunha gran ocasión, moi preto do descanso, pero nunha posición moi forzada que lle impediu precisar o seu remate.
A segunda parte comezou tamén con dominio local, ante un Cidade das Burgas cada vez máis encerrado e rochoso, que facía un esforzo defensivo descomunal, aínda que terminaría pasándolle factura en forma de desgaste físico.
Cando por fin Poio Pescamar abría a conta, ao aproveitar Ale de Paz unha deixada de tacón de Ceci, parecía que o máis difícil para sumar a primeira vitoria da tempada estaba feito, pero nada máis lonxe da realidade. Apenas 30 segundos máis tarde empataban as visitantes ao transformar Sonia Pacios un absurdo penalti cometido pola zaga local nun envío longo.
Pero non terminaba aí a cousa, senón que as ourensanas, que case non se atrevían a pasar a liña central da pista, atopaban nunha acción na que o Poio pecou de falta de intensidade defensiva, ademais de exceso de confianza nunha adiantada Silvia. María Arias, desde o seu propio campo, a uns 30 metros da portería local, elevaba o balón superando a Silvia e adiantando ás súas.
A partir de aí comezou unha especie de xogo de supervivencia para Cidade das Burgas. Con frecuentes cambras que lastraban as pernas das súas xogadoras, as visitantes buscaban desesperadamente que pasasen os minutos ante o asedio local. Ana Lastra axigantábase en cada disparo das de Marcio Santos, especialmente neutralizando un remate de Iria Saeta.
Cando faltaban pouco máis de tres minutos para o final, o técnico local ordenou xogo de cinco e as consecuencias foron case inmediatas. Jenny Lores empataba, facendo saltar por fin o muro visitante, ao aproveitar un balón rexeitado pola porteira ourensana nun disparo de Ceci.
Pero aínda quedaba un susto final antes da remontada e Silvia evitou unha contra que puido ser mortal de necesidade cunha parada case milagrosa. Providencial, tanto que na xogada seguinte chegaba o 3-2 nun remate de Ceci.
As ourensanas fóronse arriba á desesperada e entón chegou o duro castigo para elas, con dous goles case consecutivos de Patri Corral no último minuto de partido que levaron ao marcador ese enganoso e agónico 5-2.
POIO PESCAMAR (5): Silvia; Iria Saeta, Jenny, Celia e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Patri e Carolina.
CIDADE DAS BURGAS (2): Ana Lastra; Clara, María Arias, Sonia e Nerea (quinteto inicial). Tamén xogaron, Amelia, Nahir e Canolich.
Árbitros: Álvaro García e Pedro González (Galicia). Amoestaron a María Arias e Nerea no Cidade dás Burgas.
Goles: (1-0) Minuto 24: Ale de Paz. (1-1) Minuto 24: Sonia Pacios, de penalti. (1-2) Minuto 26: María Arias. (2-2) Minuto 38: Jenny Lores. (3-2) Minuto 40: Ceci. (4-2) Minuto 40: Patri Corral. (5-2) Minuto 40: Patri Corral.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 250 espectadores.