A Sociedad Deportiva Teucro tivo unha despedida do todo agridoce da División Honra Prata, caendo por 28-27 ante o Sant Quize que, pola contra, disputará unha tempada máis na segunda categoría do balonmán español.
De inicio saíu máis efectivo o cadro catalán, anotando un parcial de 3-0 que se mantivo ata os 4 minutos de xogo, cando Alejandro Pereiro rompeu a seca do Teucro para facer o primeiro gol para os azuis esta tarde.
Pero seguía impreciso para portería o cadro pontevedrés, que vía como os locais se colocaban con catro goles de renda que obrigaban a Irene Vilaboa a parar o tempo (6-2).
Soubo a adestradora visitante reverter a situación apertando as torcas en defensa aos seus xogadores, que se empregaron a fondo para impedir calquera indicio de superioridade rival e igualar o duelo aos 13 minutos de xogo. E non só iso, senón que a partir dese momento o Teucro mostrou outra cara totalmente diferente á do inicio e, liderado por un imparable Gonçalo Areias, tomaba unha vantaxe de tres tantos (9-12).
Pediu tempo morto o técnico local e Dani Navarro, con dous goles seguidos, encargouse de devolver o golpe aos azuis, que souberon recompoñerse para irse ao descanso con vantaxe aínda que con todo por decidir (15-16).
A saída á cancha dos xogadores despois do paso polos vestiarios foi do todo imprecisa, de feito, pasaron máis de tres minutos ata que Alejandro Pereiro rompeu a seca desta segunda metade aumentando a renda do Teucro, que se ampliou ata os tres goles grazas a outro gol de Areias.
Con todo, o Sant Quirze neutralizou enseguida ao conxunto pontevedrés para dar a volta totalmente ao marcador e coller as rendas con ata dúas tantos de superioridade.
Fixo o propio o Teucro, dando paso aos últimos 15 minutos de partido nos que primou a igualdade total onde cada tanto anotado por uns era respondido da mesma forma por outros. Esta tónica mantívose ata os segundos finais, cando os locais permitíronse, cun gol de Marc García, poñer a guinda á última xornada (28-27).