O Concello de Vilagarcía de Arousa decidiu render tributo ao "deportista máis exitoso da historia da cidade".
Así cualifica o alcalde Alberto Varela a Antón Paz, ouro olímpico nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e agora destacando como adestrador de vela.
A partir de agora a nave de deportes náuticos do porto de Vilagarcía levará o seu nome.
"Aproveitando que estabas de paso pola cidade, quero anunciar que o teu nome quedará para sempre ligado ao deporte náutico e a nave que rematamos neste mandato pasará a chamarse Pavillón Antón Paz Blanco", confirmou o rexedor.
"Falar de vela é falar de Antón Paz, un dos mellores embaixadores deste deporte, pola súa calidade técnica e valía como persoa", asegurou pola súa banda Manuel Villaverde, o presidente da Real Federación Galega de Vela.
Na súa etapa como deportista Antón Paz logrou o ouro olímpico na Clase Tornado formando parella con Fernando Echávarri, e agora como adestrador xa estivo presente en dúas citas olímpicas. Primeiro a cargo do equipo nacional grego en Río 2016, e en París 2024 co equipo de Nova Zelandia tutelando á tripulación de Nacra 17 formada por Micah Wilkinson e Erica Dawson e que foi bronce.
Ademais, está detrás do novo proxecto da viguesa Patricia Suárez e a balear Melania Henke no 49er FX coas vistas postas en Los Ángeles 2028.
Tras coñecerse esta noticia o propio Antón Paz mostrouse agradecido asegurando que "Vilagarcía é unha cidade cunha gran capa deportiva da que me sinto moi orgulloso".