Tres novas renovacións de golpe no Arosa: Adrián Gómez, Sidibé e Javi Fontán

O Salnés
30 de xullo 2020

O club arlequinado avanza con paso firme na composición do plantel da próxima tempada

Sidibé, no partido entre Arosa e Dubra na Lomba da tempada 17/18
Sidibé, no partido entre Arosa e Dubra na Lomba da tempada 17/18 / Diego Torrado

A ritmo frenético, así comezou o Arosa a planificación da próxima tempada, na que volverá competir en Terceira División pero aspirando alto.

O club arlequinado volveu anunciar de golpe varias renovacións, facendo que o equipo que adestrará de novo Rafa Sáez empece a tomar forma.

Trátase de Adrián Gómez, Javi Fontán e Oumar Sidibé.

O caso de  Sidibé é especial, e é que o centrocampista leva dúas tempadas en branco debido a unha grave lesión de xeonllo. Con todo, recuperado desde  princicpios de ano, o Arosa faille de novo un sitio no equipo confiando en que recupere a súa mellor versión.

Adrián Gómez pola súa banda cumprirá a súa segunda campaña na Lomba. O lateral chegou ao club tras xogar catro campañas seguidas en Segunda B entre Pontevedra e Rápido de Bouzas.

Por último Javi Fontán afrontará o seu cuarto curso en Vilagarcía, o terceiro no primeiro equipo tras aterrar no seu momento no xuvenil. 

Os seus nomes únense aos outros futbolistas renovados ata a data, é dicir, a Julio Rey, Sergio Cotilla, Róber Fernández e Pedro García.